A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este mércores a lectura dun manifesto polo Día Mundial do Lupus na praza de María Pita. A rexedora estivo acompañada por Nuria Carballeda, presidenta da Asociación Galega de Lupus (AGAL) e pola concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.
Tras a lectura do manifesto, Rey interveu ante as persoas presentes e pediu un aumento do investimento en atención primaria para facer fronte a esta enfermidade. “Fan falta máis recursos para investigación, para atopar novos tratamentos ata achar unha cura ou a fórmula para que as persoas que a sufran poidan desenvolver a súa vida nas mellores condicións”, sinalou.
O Lupus é unha enfermidade que afecta nun 90 % á poboación feminina. “É unha enfermidade silenciosa, que en moitas ocasións é complexa de detectar polos e polas profesionais sanitarias”, engadiu Rey.