Friday 22 de November de 2024

Gran éxito da primeira edición das Xornadas Micolóxicas de Frades, que terán continuidade


Gran éxito da primeira edición das Xornadas Micolóxicas de Frades, nas que tomaron parte un total de 35 veciños e veciñas, o que supón duplicar o número de prazas inicialmente establecidas. Unhas xornadas nas que tamén participou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen confirmou que “ante a boa acollida por parte da veciñanza, temos pensado darlle continuidade a este tipo de iniciativas en próximos anos”.

O biólogo da USC Martín Souto foi o encargado de abrir estas I Xornadas Micolóxicas cunha charla no multiúsos de Cimadevila para ensinarlles aos presentes as diferenzas entre cogomelos comestibles e tóxicos. Acto seguido, os participantes fixeron unha saída na contorna da capela de San Nicolau para localizar e apañar cogomelos.

Tras a busca, os veciños e veciñas de Frades participaron nun xantar-degustación no Restaurante A Coviña, no que puideron degustar varios pratos coas setas como ingrediente principal: arroz con setas, revolto de setas, setas ao ajillo, fabas con setas, tortilla de patacas con setas, etc. As Xornadas remataron no local social de Ponte Carreira, onde se expuxeron e catalogaron os cogomelos apañados durante a mañá.