Saturday 16 de November de 2024

O estudo Burgos & Garrido deseñará e dirixirá a obra do novo Santa Lucía, que terá centro de saúde, centro cívico e mercado


O xurado escolleu a proposta nun concurso ao que se presentaron 14 proxectos

O deseño bioclimático do complexo, adaptado á climatoloxía da cidade, inclúe a creación dun gran atrio central no edificio, aproveitando a luz natural para iluminar os espazos interiores

O xurado do concurso de ideas convocado para definir o novo mercado de Santa Lucía vén de escoller a proposta gañadora do mesmo, un proxecto presentado polo estudo Burgos & Garrido. Os gañadores redactarán agora o proxecto de execución, ademais de asumir a dirección de obra para a remodelación do recinto. Segundo os pliegos do concurso de ideas, teñen un prazo de catro meses para a presentacións dos proxectos básicos e de execución.

O novo Santa Lucía, tal e como anunciara a alcaldesa, Inés Rey, compatibilizará nun só espazo, con accesos diferenciados, tres usos: será centro de saúde, centro cívico e mercado municipal. Para este último resérvase unha superficie de 400 metros cadrados.

A convocatoria do concurso de ideas formaba parte do convenio entre administracións para a construción do novo edificio, convenio polo cal a Consellería de Sanidade asume o custe do centro de saúde, cuxa construción era unha vella demanda veciñal e tamén un compromiso do Goberno municipal. O investimento preciso para o resto do recinto (mercado e centro cívico) corre a cargo do Concello, que xa conta con 3 millóns de euros procedentes de fondos europeos Pirep para ese fin.

Ao concurso de ideas presentáronse un total de 14 propostas. A de Burgos & Garrido valorouse pola súa aposta pola eficiencia enerxética do inmoble, ademais de ter en conta os materiais da fachada e a cuberta, así como a redistribución dos espazos interiores, para aproveitar a luminosidade natural da contorna, mantendo o espírito lixeiro e industrial que inspirou a antiga estrutura do recinto, obra de Manuel Gallego Jorreto.

O estudo Burgos & Garrido, como gañador do concurso de ideas, obtivo o primeiro premio, de 20.000 euros. Os segundos mellor valorados foron Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, que recibirán 15.000 euros. Ademais, dous accésits de 5.000 euros cada un que recibirán Manuel Vázquez Muíño, con OLA Arquitectura; e Fernández Carballada e Asociados, SLP con Nula Estudio.

Segundo o plantexado, no soto estará ubicado o mercado de abastos, onde se habilitarán tres zonas diferenciadas para os postos e áreas de restauración. Ademais, xa separado do mercado, disporase un área de estacionamento, así como un circuíto interior para o acceso de vehículos desde a rúa Inés de Castro, con saída cara ao pasadizo Pernas.
“Tiñamos o compromiso cos veciños da Falperra de sacar adiante este proxecto e cumplímolo. Xa temos o deseño e tamén os fondos, e contamos con poder licitar a obra no curto prazo para que o novo Santa Lucía sexa unha realidade durante o mandato que agora comenza”, indicou a alcaldesa.

A proposta incluída no proxecto básico valora dúas posibilidades no referente á distribución da superficie no soto: unha, na que o mercado de abastos ocuparía 428 metros cadrados e habería 11 prazas de estacionamento; e a segunda opción, na que o mercado contaría con 353 metros cadrados, o que implicaría un incremento dos espazos destinados a estacionamento, con 16 prazas.

Entre o primeiro e o segundo andar do edificio estarán situadas as instalacións do centro de saúde, que acollerá diversos espazos destinados á área médica —cunha sala de toma de mostras, outra polivalente, unha consulta de urxencias e outras de medicina e enfermaría xeral—, área pediátrica —con consultas de pediatría—, área da muller —con consultas de matrona, aseos e cambiadores—, así como estancias habilitadas para acoller as áreas de administración, arquivo, persoal e usos comúns.

O estudo Burgos & Garrido conta con ampla experiencia nos deseños de infraestruturas sanitarias, recentemente gañou tamén o concurso para o deseño do novo Hospital La Paz, en Madrid.

Os espazos reservados para o centro cívico de Santa Lucía situaranse nas alturas superiores do inmoble, e abranguen unha nova sala polivalente, un auditorio, unha sala de reunións, un espazo para a xestión de libros, almacéns e aseos.

Un atrio central como “corazón do edificio”

Tanto o mercado como o centro cívico e o centro de saúde contarán con accesos totalmente independentes, mais pola vocación colectiva do edificio está previsto crear un gran atrio central, aberto á recepción da luz natural.

A este respecto, está previsto que as instalacións se adapten á recepción de fontes de enerxía renovable, polo que o proxecto plantexa un deseño bioclimático adaptado á climatoloxía da cidade.

Ademais, a proposta gañadora do concurso de ideas abrangue a disposición dunha nova envolvente térmica, á que se dará forma cunha folla principal de panel prefabricado de entramado de madeira recheo dun illamento de celulosa. No exterior estará revestida cunha fachada ventilada composta por un panel de lana de roca e revestimento de granito.