Friday 22 de November de 2024

Sen Senra súmase ao cartel do ciclo de concertos Noites do Porto, promovido polo Concello


O artista galego actuará en exclusiva na Coruña o vindeiro 23 de setembro e as entradas sairán á venda este venres, 2 de xuño

O ciclo de concertos Noites do Porto, promovido polo Concello, suma un novo artista ao cartel da súa terceira edición: Sen Senra actuará no peirao de Batería o próximo 23 de setembro, no que será o seu único directo en Galicia este verán.

As entradas sairán á venda ás 11.00 horas do venres 2 de xuño en Ataquilla e Ticketmaster.
O concerto que Sen Senra ofrecerá nas Noites do Porto será unha das poucas citas que o galego teña, este verán, co público en España. Na Coruña presentará en directo, por primeira vez en Galicia, o seu agardado novo traballo discográfico, PO2054AZ Vol.I., que o sitúa como unha das figuras máis interesantes da escena pop internacional.

Trátase do segundo artista galego confirmado tras o anuncio do retorno de Deluxe á cidade tras 15 anos do seu último concerto. A formación liderada por Xoel López actuará no peirao de Batería o 22 de setembro e as entradas para o concerto xa están á venda nas plataformas oficiais.

O ciclo Noites do Porto desenvolverá do 18 ao 24 de setembro a súa terceira edición. Ao longo de toda unha semana, o peirao de Batería e as salas de concertos da cidade acollerán unha serie de directos únicos, con datas exclusivas en Galicia, de figuras recoñecidas no panorama musical estatal e internacional. Serán sete días nos que a diversidade estilística terá un especial protagonismo. Noites do Porto, impulsado pola promotora MASGALICIA co apoio do Concello da Coruña, apostou nas súas dúas primeiras edicións por ofrecer concertos exclusivos de artistas como Jorge Drexler, James Rhodes, Bad Gyal, M. Ward, Ángel Stanich, Morgan, Gloosito ou The Gulps.