A documentación será enviada á Deputación, entidade que se encargará de contratar e executar as obras na DP-3802
O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade o proxecto de mellora da seguridade viaria na DP-3802 en Vista Alegre (parroquia de Galegos), concretamente entre os puntos quilométricos 8,360 e 9,330. Un proxecto orzamentado en 149.159,10 euros que será enviado agora á Deputación Provincial da Coruña, que será quen contrate e execute a que será a segunda senda peonil no Concello de Frades.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “hai oito anos presentamos catro proxectos de sendas peonís para Frades: unha que enlazaba a Casa do Concello co tanatorio, que xa está construída, este de Vista Alegre e outras dúas ao seu paso polos núcleos de Moar e de Aiazo”. Roberto Rey asegurou que “xa lle agradecín publicamente ao novo equipo da Deputación que respectara o proxecto aprobado na Comisión de Vías e Obras do anterior equipo de Goberno e volvo a reiterar o meu agradecemento neste pleno. Quedan dous proxectos pendentes e espero poder reunirme co presidente provincial para ver da posibilidade de levalos a cabo”.
O pleno desta mañá aprobou o proxecto, a declaración da dispoñibilidade dos terreos, a conformidade do Concello de Frades coas bases da Deputación e o compromiso por parte do Concello de recibir e conservar as obras unha vez realizadas. Así mesmo, acordou delegar no alcalde de Frades a formalización do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña.
Características da senda
As obras suporán a construción dun andén peonil de preto dun quilómetro de lonxitude e dunha anchura de 1,80 metros entre o cruce de Mesos ata o límite co Concello de Oroso. O material empregado para a súa superficie será unha aplicación de slurry en cor e a zona entre a beiravía e o andén estará separada por un bordillo de formigón, para evitar que se poida escorregar terra sobre a senda.
A nova infraestrutura vaise situar na marxe esquerda do vial, en dirección cara á Ponte Carreira. Levará recollida de pluviais e unha tubaxe en previsión dunha futura instalación de alumeado público. A maiores, o alcalde anunciou que o Concello aproveitará as obras para levar a auga a unha zona que non dispón dela, para o que terá que facer unha tubería duns 170 metros de lonxitude. Roberto Rey sinala que esta obra é moi necesaria pois “un núcleo de poboación de tanta relevancia no concello precisaba esta mellora na seguridade viaria dos veciños e veciñas”.