A Festa do Comercio local Prima 23, que se celebrou o 4, 5 e 6 de maio, estivo acompañada pola chuvia, o que obrigou a suspender algunhas das actividades prevista. O Concello recupéraas agora para o venres 2 e os sábado 3 e 17 de xuño. Ademais, debido ao gran éxito que tivo, repetirase a ruleta con agasallos que, nesta ocasión, estará na praza do Toural.
O venres 2 as rúas de Fontiñas e San Pedro acollerán a partir das 18.00 horas un pasarrúas a cargo de Cé Orquestra Pantasma. Baixo este nome agóchase o vigués César Freiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais que leva pecorrendo toda a xeografía galega a un ritmo de máis de 150 concertos ao ano. Un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical.
O sábado 3 será o turno para outros dous pasarrúas: Os Bregadiers, que partirá ás 12.00 h de Cervantes e pasará pola zona da praza de Abastos, Mazarelos e Orfas para acabar no Toural; e The Turre’s Band, que fará o seguinte percorrido: Carreira do Conde – Xeneral Pardiñas – República Arxentina – San Pedro de Mezonzo – Casas de Ramírez – Praza Roxa. A saída será tamén ás 12.00 h.
Os Bregadiers, a banda de rúa que leva en marcha por todo o país dende o ano 2016, renóvase para ofrecer unha festa soul-funk coa que non poderemos deixar de movernos. Sonidos Motown, deep-soul e funk revisitados instrumentalmente que deixan lugar á improvisación pero sempre orientados a liberar a mente para que o corpo non poida parar.
Tanto se é enriba dun escenario como en formato pasarrúas a Turre`s band son a alegría da festa. Formación de vento e percusión cun repertorio que bebe do blues, do ska, da verbena, da música balcánica…Máis de 20 anos dando festa e facéndonos vibrar en cada actuación.
Ruleta con agasallos
Unhas das novidades desta edición da Festa do Comercio local foi a ruleta de agasallos que, debido ao éxito acadado en maio, se repetirá de novo esta fin de semana. Se o mes pasado estivo na praza Roxa, nesta ocasión situarase na praza do Toural o sábado 3 de 17.00 h a 20.00 h e acompañarase da actuación do Mago Noel.
Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizadas entre o 29 de maio e o 3 de xuño.
Exhibición de ourivería
O programa inicial de Prima 23 recollía tamén a xa tradicional exhibición de ourivería e talla de acibeche por mestres ourives de Compostela. A actividade recupérase tamén pero neste caso celebrarase o sábado 17 de xuño na praza de Cervantes.
A Festa do Comercio local, que neste 2023 celebra a cuarta edición, busca reforzar a aposta do Concello de Santiago polo comercio local e de proximidade, así como dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade coas distintas actuacións e actividades programadas.