Friday 22 de November de 2024

Finalizan os traballos de mellora do parque infantil da praza de Juan Naya, en Zalaeta


A actuación incluíu o cambio do pavimento e a instalacións de seis novas estruturas de xogo, dúas delas adaptadas a persoas con mobilidade reducida

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, finalizou os traballos de renovación do parque infantil da praza de Juan Naya, en Zalaeta. A actuación forma parte do Plan integral de parques infantís, que ten como obxectivo mellorar estes espazos para nenos e nenas e crear ademais áreas totalmente accesibles.

Os traballos na praza de Juan Naya supuxeron a renovación do pavimento de caucho e a instalación de seis novos xogos de distinta tipoloxía. Entre eles atópase un novo bambán adaptado para nenos e nenas con mobilidade reducida e un twister tamén adaptado.

O Plan integral de parques infantís inclúe a creación de máis de 100 prazas adaptadas en cinco espazos da cidade, de inminente actuación, e que permitirá que menores con mobilidade reducida ou limitada poidan usar tamén eses xogos infantís.