A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella explicou que a Rede Emprende en Igualdade ten como finalidade mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino a través do fomento e coñecemento das competencias e formación tecnolóxica e as redes sociais
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella fixo entrega a 21 mulleres dos diplomas de asistencia ás xornadas postas en marcha no marco das Xornadas da Rede Emprende en Igualdade. Xunto a López Abella, tamén participaron na entrega de diplomas o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo; polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza e a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Dodro, Mª Soledad Boga Grela.
Segundo destacou a secretaria xeral, a Rede Emprende en Igualdade ten como finalidade mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino a través do fomento e coñecemento das competencias e formación tecnolóxica e as redes sociais, así como a posta en marcha e modernización das actividades e capacidades empresariais e persoais, fundamentais hoxe en día para acadar unha mellora profesional.
Ás mulleres participantes proporcionaselles formación e asesoramento en Iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; procura de emprego; as TICs como ferramenta transversal de aforro de tempo; a creación de empresas; e a igualdade de xénero
Neste marco, en 2015 púxose en marcha a terceira edición das accións formativas en novas tecnoloxías. Para o seu desenvolvemento a Secretaría Xeral de Igualdade conta coa colaboración do Colexio profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), da Amtega coa posta a disposición da súa rede de aulas CEMIT, e dos concellos onde se van a realizar os cursos, son Dodro, Ordes, Ortigueira, Palas de Rei, Vilalba, Avión, Verín, A Guarda, Marín e Vila de Cruces. Os cursos teñen unha duración de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas, os imparten profesionais do CPEIG, e celebraranse na aula CEMIT existentes no correspondentes concellos.
A Secretaría Xeral da Igualdade, continuando coa colaboración establecida no ano 2013 (que continuou en 2014) co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, puxo en marcha este ano a Rede Emprende en Igualdade 2015. Para o seu desenvolvemento a Secretaría Xeral de Igualdade ademáis de contar coa colaboración do Colexio profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, a Amtega puxo a súa disposición a súa rede de aulas CEMIT.
A Secretaría Xeral da Igualdade no marco da Rede Emprende en Igualdade está a desenvolver unha serie de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse, co obxectivo de axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual.
Esta iniciativa inscríbese no eixe 3 do VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade, que busca “outorgar unha maior relevancia ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”.