O BNG de Oleiros agradece á cidadanía a súa confianza para manter o noso representante no pleno, aumentando o número de apoios recibidos, tanto en número de votos como en porcentaxe. A nosa formación continuará a traballar por un Oleiros mellor, de xeito obxectivo e rigoroso, coa representación de Iván Roca, co apoio de todo o equipo da nosa asemblea local.
O noso concelleiro, Iván Roca, que revalida agora o seu escano, é o noso portavoz municipal desde o mes de febreiro, e entendemos que o incremento do número de votos é un respaldo ao seu traballo, reforzando o seu impulso para continuar a traballar por un Oleiros pensado para os veciños e veciñas.
O BNG quere dar os parabéns a Alternativa dos Veciños, e o seu presidente, Ángel García Seoane, polo éxito da súa formación en Oleiros por revalidar a súa maioría absoluta.
A nosa formación obtivo o seu mellor resultado desde que nos presentamos ás eleccións municipais en Oleiros, e seguiremos a traballar para que ese apoio continúe a medrar, tanto desde as institucións como na rúa.
O noso representante, Iván Roca, agradece ao equipo da campaña do BNG de Oleiros a «importancia do traballo colectivo do BNG de Oleiros, sen o que sería imposíbel seguir medrando» e volve pórse «ao dispor de toda a veciñanza para traballar polo Oleiros que merecemos. Obrigado, Oleiros!».