Friday 22 de November de 2024

A Xunta rematará esta semana as obras de mellora do firme da autoestrada AG-55, que fan necesarios cortes de ramais en horario nocturno a partir de hoxe


― Retómanse os traballos suspendidos no outono polas condicións climatolóxicas, para finalizar agora o acondicionamento

― Co fin de minimizar as afeccións ao tráfico e facilitar a mobilidade, as intervencións están programadas en horario nocturno, entre as 22,00 e as 7 horas, e habilitaranse itinerarios alternativos

― Actuarase no enlace de Sabón, nos ramais de entrada e saída sentido A Coruña; no de Paiosaco, na saída sentido A Coruña; e no de Carballo leste, na entrada

― As obras forman parte dos contratos de mellora do firme das autoestradas do Val Miñor (AG-57) e do treito A Coruña–Carballo da AG-55, cun investimento de 1,5 M€

A Xunta rematará esta semana as obras de mellora do firme na autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), que farán necesario cortes de ramais en horario nocturno a partir de hoxe.

Na vindeira madrugada retómanse os traballos que foron suspendidos no pasado outono por mor das malas condicións climatolóxicas, co fin de finalizar agora o acondicionamento da capa de rodadura na citada autoestrada.

Co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, todos os traballos se programaron en horario nocturno: na noite deste domingo ao luns, entre as 00,00 e as 07,00 horas; e o resto de noites, entre as 22,00 e as 07,00 horas. Así, será preciso cortar varios ramais, sinalizando debidamente a alternativa.

De xeito máis concreto, actuarase no enlace de Sabón (PK 9+000), nos ramais de entrada e saída sentido A Coruña; no de Paiosaco (PK 17+000), saída sentido A Coruña; e no de Carballo este (PK 29+000), na entrada.

No caso do enlace de Sabón, procederase ao cambio de sentido na saída 589 da autovía A-6 (Uxes) e accederase á Coruña pola AC-12. No enlace de Carballo, entrarase polo acceso norte e haberá persoal na glorieta cara ao polígono de Bértoa para informar aos usuarios. No ramal de Paiosaco, na saída sentido A Coruña, habilitarase un paso para vehículos.

Rehabilitación do firme
Estas obras enmárcanse nos contratos de mellora do firme das autoestradas do Val do Miñor (AG-57) e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, que supoñen un investimento total de 1,55 M€.

No marco destes contratos, o ano pasado realizáronse actuacións de mellora das características superficiais en 36.360 m2 na AG-55 e 105.681 m2 na AG-57. Nesta última vía tamén se eliminou un escalón lateral mediante un recrecido de beiravías para reforzar a comodidade e a seguridade dos usuarios.

Ademais executáronse intervencións de mellora estrutural en 24.056 m2 na AG-55 e en 23.475 m2 na AG-57, incluíndo unha campaña de selado de gretas.