Friday 22 de November de 2024

O BNG de Cabanas publica o seu programa electoral


É un programa que analiza os retos de Cabanas para as próximas décadas e presenta as solucións que o BNG propón para elas

O programa é resultado dun demorado proceso de análise, así como de contactos con todas as asociacións e con múltiples colectivos de Cabanas

Despois dunha serie de publicacións temáticas durante os últimos días e de rematar, este luns coa xuntanza de mocidade, a última das xuntanzas sectoriais con colectivos e asociacións do Concello, o BNG de Cabanas vén de publicar o seu programa completo para as eleccións municipais do 28 de maio de 2023.

Neste programa, o BNG de Cabanas e os seus integrantes fixeron un esforzo por analizar as necesidades e os retos do concello máis aló dos catro anos dun ciclo electoral, analizando os retos de Cabanas para as próximas décadas e presentando as solucións que o BNG propón para eles.

Así, aspectos como a crise climática e a necesidade de planificar o subministro de auga a longo prazo, o planeamento urbanístico e a falta de equipamentos dotacionais no concello, a necesidade dunha maior conectividade ou da creación de itinerarios seguros para o acceso a pé aos equpamentos, son algúns dos aspectos incluídos neste programa.

“Quixemos facer un programa que é unha análise de retos e non un catálogo de promesas. De feito, as promesas que temos son poucas: traballo, dedicación, implicación e a seguridade de que a veciñanza sempre vai atopar unha porta aberta e alguén que lle escoite”, declarou Iago Varela, cabeza de lista do BNG de Cabanas ás eleccións municipais.

O programa, organizado en 12 seccións e con máis de 250 propostas, pode ser consultado na web cabanas.bng.gal.