Friday 22 de November de 2024

Carlos O Xestal xa forma parte do museo de arte pública de Carballo cun mural de Yoseba Muruzábal na escola de Mirón


Cando Yoseba Muruzábal viu a portada da cinta de casete Se eu fose grego tivo claro como quería pintar a Carlos O Xestal, “porque cando ves a un tipo vestido de cura enriba dun cabalo, sabendo que non é crego… O Xestal xa fixo a fotomontaxe por min”, sinala. Este mércores, pouco antes das tres da tarde, Yoseba asinou a súa obra. Despois de seis días de traballo, esa imaxe do Xestal tan icónica xa forma parte do museo de arte pública de Carballo co mural que decora unha das fachadas laterais da escola unitaria de Mirón (Bértoa).

A elección da parede non foi casual. O recinto da escola atópase no cruce das rúas Francisco Miguel e Carlos O Xestal, e este novo mural que achega a Concellaría de Promoción Económica e Turismo á programación do Ano do Xestal permítenos render homenaxe a dúas figuras que, sen ter as raíces no noso concello, están tan unidas, por distintos motivos, a el.

O mural do Xestal, que vos convidamos a visitar, súmase ás actividades que vimos desenvolvendo dende principios de ano coa colaboración das persoas e entidades que forman parte da Comisión organizadora do Ano do Xestal e mesmo de empresas que se van sumando, como é o caso de Pinturas Kromo, que cedeu todo o material preciso para pintalo.

Arredor do Día das Letras Galegas tamén se rendeu homenaxe ao Xestal con música. Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar impulsamos un encontro do alumnado dos colexios de primaria para cantar na Praza do Concello O apaga o candil máis grande da historia, un evento que reuniu o día 15 a máis de 1.500 nenos e nenas con Xosé Ramón Gayoso e Xurxo Souto, e que rematou cunha animada actuación do grupo Os Jalochos. E o mesmo día 17, noutra iniciativa da Concellaría de Educación, a través do CMUS, a Banda Municipal de Música, a Banda Municipal de Gaitas e o Coro do Conservatorio uníronse para volver a interpretar esa mítica canción.

Ao longo do ano continuaremos a lembrar a Carlos O Xestal e a poñer en valor, con diversas actividades, o seu importante legado musical, cultural e humano.