O obxectivo é garantir un servizo axeitado ás 382 persoas dos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte do núcleo de Cruído, así como ás instalacións do CPI Cernadas de Castro e o polideportivo e piscina municipais
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinaron hoxe o convenio de colaboración para executar as actuacións
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, un convenio de colaboración para dotar de saneamento e depuración cinco núcleos do municipio mediante un investimento de 1,1 millóns de euros. O acto administrativo de rúbrica do convenio, que tivo lugar na Casa do Concello de Lousame, senta as bases da colaboración técnica e económica entre as administracións autonómica e local para dotar de servizo de saneamento e depuración de augas residuais a distintos núcleos de poboación da parroquia de San Xoán de Lousame que na actualidade non contan cun sistema axeitado.
Vázquez Mourelle concretou que se trata de resolver esta situación e garantir un sistema de saneamento eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte da veciñanza do núcleo de Cruído. Para facelo posible, executarase unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos para conducilas cara a unha nova depuradora, que se construirá na zona do rego Pesqueira, na parcela proposta polo Concello.
Tras a sinatura continuarase cos trámites administrativos necesarios: a licitación e adxudicación das obras da nova depuradora e da rede de saneamento, cun prazo de execución de 9 meses, tan pronto o Concello achegue a certificación de realización dos trámites correspondentes, que xa está a levar a cabo. O obxectivo é que a rede de colectores e a nova estación depuradora, que suporán un investimento conxunto de Xunta e Concello de 1,1 M€ e que permitirán dotar deste servizo a un total de 382 persoas destes núcleos, estean rematadas o antes posible.
Segundo recolle o texto do acordo selado hoxe, a administración autonómica comprométese a contratar e executar as obras e financialas achegando o 80% do orzamento, para o que destinará un investimento de máis de 887.000€. Pola súa banda, o Concello de Lousame contribuirá coa cantidade restante, poñendo o 20%, algo máis de 221.000 €. Ademais, comprométese a realizar os trámites administrativos pertinentes, sometendo o proxecto a información pública e poñendo a disposición os terreos necesarios para a execución das obras, uns trámites nos que xa ten avanzado.
As obras consistirán na construción dun colector na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Croído, e outro na zona do campo de fútbol da Silva. Tamén se executará un pozo de bombeo na Costa, que recollerá as augas residuais de 3 destes núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector nesa zona para logo levalas á nova depuradora. Esta ETAP estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada.
O convenio asinado hoxe enmárcase na vontade de ambas as administracións, autonómica e local, de sumar esforzos e colaborar co fin de mellorar un servizo básico municipal, como é o saneamento, axudando e colaborando a Xunta ao Concello de Lousame en competencias que lle son propias, para garantir máis e mellores servizos da auga aos seus veciños.