Friday 22 de November de 2024

En execución as obras de mellora da estrada en Samiro, na parroquia de Vilaño


O Concello ten adxudicadas e pendentes de execución obras de mellora de estradas en once parroquias por un importe total aproximado de 1,2 millóns de euros.

O Concello ten en fase de execución a mellora da superficie de rodadura da calzada que comunica Vista Alegre con Samiro, na parroquia de Vilaño. A intervención afecta a unha lonxitude lineal de aproximadamente 2.200 metros cunha anchura media ao longo do percorrido da estrada de catro metros.

Esta é soamente unha das moitas actuacións de mellora da rede viaria que o Concello ten adxudicadas e pendentes de executar, o que se explica polas dificultades das empresas contratistas para poder levalas a cabo ante a falta de traballadores cualificados para asumilas.
Para comprender a magnitude das obras nas estradas municipais da Laracha adxudicadas, basta con citar o orzamento conxunto que suman entre todas e que ascende a case 1,2 millóns de euros, con actuacións previstas en once parroquias.

En Vilaño, ademais da que está en execución entre Vista Alegre e Samiro, intervirase na estrada que comunica A Botica con O Pino e as dos núcleos de Os Meáns e O Formigueiro.
En Lendo as obras localizaranse en O Canle, Samiráns e no Cruceiro Novo.

Na parroquia de Torás hai intervencións adxudicadas nos núcleos de A Portela e A Barreira, e tamén na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo.
En Coiro xa se iniciaron as obras en Fornos, e A Fontefría, e hai actuacións previstas no núcleo de Novás e nas estradas A Ferraría-A Riba-Compañeiro e A Ferrulleira-Requesende, xa en Golmar, parroquia na que tamén se intervirá no Igrexario e nas Talladas.

En Erboedo as obras localizaranse no Igrexario e tamén no núcleo de Paredes.

Na parroquia de Soandres hai intervencións iniciadas en Borreiros e Curros.

En Soutullo xa comezaron os traballos nos núcleos de O Vilar, Os Bidueiros, A Abeleira e O Vilar do Boi.

En Cabovilaño as actuacións afectarán a O Castro, A Lagarteira, A Casanova e ao lugar de Oldán e os seus accesos.

En Lemaio os puntos de intervención serán os núcleos de A Fontaíña e Proame

E en Montemaior melloraranse as estradas de O Penedo, Adrán, O Raño, A Baiuca e A Pena.