Friday 22 de November de 2024

Publicado o convenio entre Interior e o Concello de Neda para mellorar a prevención da violencia de xénero


O acordo supón a incorporación definitiva da Policía Local ao Sistema VioGén para colaborar no seguimento dos casos que haxa na localidade

Neda avanza na materialización da adhesión municipal a VioGén. O BOE vén de publicar o convenio entre a Secretaría de Estado de Seguridad e o Concello para a “adecuación dos mecanismos técnicos informáticos” precisos para facer efectiva a incorporación da Policía Local do municipio ao Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero do Ministerio de Interior.

A medida suporá que os axentes locais teñan un papel máis activo na protección das vítimas de violencia machista do municipio.

En virtude do acordo, o Goberno de España e o local comprométense a dar os pasos necesarios para facilitar que os axentes municipais accedan á mesma base de datos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Isto permitirá que teñan un coñecemento permanente das circunstancias das vítimas, podendo establecer as medidas de protección máis axeitadas en cada momento, co fin de previr unha nov agresión a elas ou aos seus fillos/as.

A Policía Local de Neda, segundo o acordo previo adoptado na Xunta Local de Seguridade desenvolvida o pasado mes de marzo, asumirá o seguimento e control dalgúns dos casos considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado, apoiando así o traballo que realiza a Garda Civil.