O obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago por constituír un dos símbolos máis consolidados da imaxe de Galicia no exterior
O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se modifica o Manual de sinalización turística de Galicia e se regula a imaxe e sinalización do Camiño de Santiago.
O Camiño de Santiago, declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa e Patrimonio Mundial pola UNESCO constitúe un itinerario de peregrinación cunha dilatada historia de máis de 1.200 anos que, na actualidade, está a experimentar unha importante revitalización.
O pasado ano foron máis de 237 mil os peregrinos que percorreron máis de 100 km a pé ou 200 en bicicleta e esta cifra viuse incrementada no que vai deste ano en máis dun 10% sumando xa os peregrinos que obtiveron a Compostela no 2015 un total de 258.952.
Esta afluencia proxecta a imaxe de Galicia por todo o mundo convertendo á Ruta Xacobea na principal carta de presentación da nosa comunidade a nivel internacional.
Deste xeito, Turismo de Galicia ven de modificar o Manual de sinalización turística de Galicia aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro, engadindo un apartado correspondente á imaxe e sinalización do Camiño de Santiago.
O obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago por constituír un dos símbolos máis consolidados da imaxe de Galicia no exterior.
Así, dende agora, o Manual de sinalización turística de Galicia define e delimita os elementos gráficos e diferentes aplicacións do Camiño de Santiago.
Segundo a orde, os elementos e sinais xa existentes e que non se axusten ao disposto na mesma deberán adaptarse ás súas prescricións no prazo de catro anos.
O Manual establece a vieira amarela como referencia gráfica do Camiño de Santiago contemplando a súa aplicación sobre fondo azul representando esta cor a Europa. Este símbolo adoptado, no seu día, polo Consello de Europa é a icona que identifica ao Camiño de Santiago.
Solo a orientación a dereita é aceptada pola nova orde impedindo a súa adaptación noutras orientacións. Deste xeito, incorporarase a frecha amarela como indicadora do sentido da senda convivindo o símbolo da vieira e da frecha co mesmo tamaño, cada unha delas no seu fondo cadrado. A frecha amarela con sentido direccional foi impulsada por un dos grandes impulsores da peregrinación xacobea, Elías Valiña.
Así mesmo, a modificación inclúe identificadores especiais para as rutas declaradas Patrimonio Mundial e os lugares declarados Ben de Interese Cultural.
Con esta orde a Xunta de Galicia aposta pola regularización desta sinalización, adoptando unha medida pioneira e que responde ás recomendacións elaboradas no seu día polo Consejo Jacobeo.