Saturday 16 de November de 2024

Augas de Galicia adxudica a execución do proxecto de construción do novo depósito de auga


O orzamento ascende a preto de 2.1 millóns de euros a cofinanciar polo Concello.

A entidade pública Augas de Galicia vén de comunicar ao Concello que a empresa adxudicataria da execución da fase 1 do proxecto de mellora da rede de abastecemento no termo municipal da Laracha será Espina Obras Hidráulicas S.A.U., unha vez valoradas pola Mesa de Contratación todas as ofertas presentadas no procedemento e aceptada a capacidade do licitador seleccionado.

Este amplo proxecto contempla a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións desde a captación no río Anllóns e altura de Gabenlle. O depósito levantarase no lugar das Camposas, na parroquia de Golmar, nunha parcela de 4.158 metros cadrados de superficie adquirida para tal fin polo Concello e posta a disposición de Augas de Galicia.

A actuación presenta un orzamento de 2.093.967,90 euros a cofinanciar entre Augas de Galicia e o Concello. Significará unha mellora substancial nas infraestruturas de abastecemento que garantirá o caudal neste servizo con visión tanto de presente, para continuar ampliando a cobertura en máis núcleos rurais, como de futuro, considerando o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar no termo municipal.