Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a nova instrución que permitirá unha organización máis eficaz do sistema concesional e patrimonial do Concello


Ademais, hoxe deuse luz verde á concesión de licenza para construír un edificio con 14 vivendas e 22 prazas de garaxe no barrio de Xuxán

A Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe á nova instrución para a reorganización do sistema concesional e patrimonial do Concello da Coruña, unha iniciativa promovida desde o Goberno municipal co obxectivo de homoxeneizar e reunificar a xestión das concesións.

Neste sentido, o Goberno municipal deu un primeiro paso no ano 2021, coa reestruturación e ordenamento das concesións de dominio público do Concello, mediante a posta en marcha de estudos preliminares que tiveron continuidade, xa no seguinte exercicio, coa creación do Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal.

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor a aprobación desta instrución, “unha nova ferramenta que nos permitirá exercer un control e seguimento máis efectivo das concesións municipais, axilizando a toma de decisións desde o Concello”.

En base a esta nova instrución, búscase cumprir os obxectivos de acadar unha xestión patrimonial eficaz e eficiente, actualizar o inventario xeral e asegurar o rendemento e ingresos derivados do patrimonio municipal.

As liñas de acción que plantexa a instrución baséanse na coordinación entre o Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal co resto de áreas para unificar a información e os criterios das concesión municipais.
Ademais, tamén lle corresponderá ao Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal informar sobre os convenios que sexan susceptibles de acordarse entre o Concello e outras entidades públicas e privadas que podan afectar á utilización e á cesión do dominio público de forma gratuíta, por ter unha finalidade benéfico-social.

Por outra banda, o Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal tamén asumirá a convocatoria dos procedementos de concorrencia para outorgar novas concesións de dominio público.

A maiores, este servizo municipal reforzará a inspección e supervisión da actividade concesional. O persoal de Concesións e Patrimonio Municipal recollerá todas as incidencias xurídicas e económicas relacionadas coas concesións municipais. Isto inclúe, por exemplo, todo o relativo ao cumprimento, caducidade, prórrogas ou traspasos da concesión.

Ademais, cada área do Goberno municipal estará interrelacionada co servizo de Concesións e Patrimonio Municipal para informar sobre as actualizacións dos canons correspondentes ás concesionarias.

Licenza para a construción dun edificio de 14 vivendas en Xuxán

Ademais, este martes, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre o 5 e o 18 de maio, con 188 expedientes notificados, dos que 31 foron licenzas urbanísticas e 103 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá construír un edificio de vivendas na parcela Z-06 do Parque Ofimático, en Xuxán. A promotora, Galivivienda San Pelayo, ten previsto executar unha estrutura con 14 vivendas, outros tantos rochos e un total de 22 prazas de garaxe. O orzamento destinado á execución das obras será de 1,3 millóns de euros.

A maiores, tamén se concedeu licenza de obras para a rehabilitación enerxética das fachadas principais e o cambio de caldeiras nos números 18 a 26 da rúa Maxistrado Manuel Artime e o número 1 da rúa Historiador Vedía, no barrio do Ensanche. O orzamento para a execución material das obras, que deberán comezar nun prazo de seis meses, é de 1,6 millóns de euros.

Tamén a este respecto, a Xunta de Goberno Local deu licenza de derrubamento á propiedade do edificio en ruínas situado no número 3 da rúa Bellavista, no barrio da Agra do Orzán. Ademais, concedeuse licenza para construír un edificio no soar baleiro do número 105 da avenida de Fisterra, así como para a demolición parcial da estrutura de formigón dos números 17 e 19-21 da rúa Sagrada Familia, o que permitirá completar os traballos de edificación deste inmoble.

Apoio ao desenvolvemento do Ciclo de Lírica Inclusiva de Amigos de la Ópera

Noutro punto da orde do día, hoxe autorizóuselle á Fundación Emalcsa á tramitación e concesión dunha subvención nominativa por valor de 80.000 euros que irá destinada a Amigos de la Ópera, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da programación do Ciclo de Lírica Inclusiva que promove a asociación este ano, e que como xa é habitual conta co apoio do Concello.