Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Asociación Española Contra o Cancro presentan a décima edición da andaina solidaria contra o cancro da Coruña


A iniciativa destinará todo o recadado para continuar impulsando a investigación en cancro e apoiar a pacientes oncolóxicos e familiares

O Concello e a Asociación Española Contra o Cancro na Coruña presentaron hoxe no Obelisco a X Edición da andaina solidaria contra o cancro, que terá lugar o domingo 4 de xuño. Á presentación acudiron Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, e Gema García- Abril, xerente da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña. Contouse tamén coa presencia e apoio de Carlos Cortés, árbitro internacional de baloncesto, Carmen Martínez Torrón, fotógrafa da Andaina, e as xogadoras do equipo 5 Coruña Fútbol Sala, Sandra Blanco e Leny López.

A organización invita a participar neste evento lúdico-deportivo en familia e con amigos.
Haberá diferentes actividades durante un percorrido e concienciarase sobre a necesidade deseguir priorizando a investigación oncolóxica. A actividade está aberta a todas as persoas que queiran participar e non é competitiva. A saída realizarase o domingo 4 de xuño, a partir das 10.00 horas, na zona do Obelisco. Previamente á andaina, haberá divertidas actividades de quecemento, como a zumba solidaria.

O percorrido urbano de cinco quilómetros transcorre por algunhas das rúas máis emblemáticas da cidade herculina, desde o Obelisco cara a Praza de Mina, Juana de Vega, San Andrés, Marqués de Pontejos, Pío XII, San Agustín, praza de María Pita, Rego de Auga, rúa Real, avenida da Mariña, Porta Real, avenida do Porto da Coruña e Parrote, para rematar de novo na zona do Obelisco.Ademais, durante toda a mañá haberá actividades de zumba, salsa, animacións para os rapaces e rapazas, regalos e moitas sorpresas máis.

Inscricións abertas

As inscricións están abertas e pódense realizar a través da páxina web www.corunaenmarchacontraocancro.com, ou presencialmente na sede da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña – rúa Real 1, 1º, de luns a xoves de 9.00 a 17.30 horas e os venres de 9.00 a 15.00 horas e en El Corte Inglés de Ramón y Cajal, de luns a sábado de 10.00 a 22.00 horas. Ademais, o propio día da andaina pódense realizar as inscricións, ata unha hora antes do comezo da marcha.

A inscrición na marcha ten un prezo de 5 euros para os nenos e nenas de ata 12 anos, e de 10 euros para os adultos. Coa inscrición entregase a camiseta oficial da andaina -limitada aos 3.000 primeiros inscritos- e un dorsal persoalizable, co que cada quen poderá dedicar os seus pasos, escribindo nel a mano neste día tan significativo.

As persoas que non poidan asistir á cita e queiran colaborar poden facelo adquirindo un “dorsal cero” mediante transferencia, Bizum ou achega a través da web www.corunaenmarchacontraocancro.com. A andaina solidaria A Coruña En Marcha Contra o Cancro destina tódolos fondos recadados a continuar impulsando a investigación oncolóxica e o apoio aos miles de pacientes e familias.