O ciclo de conferencias do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental organizado polo Concello continuará desenvolvéndose este sábado na cidade. O salón de actos do Centro cívico do Alto do Castiñeiro acollerá a partir das 11.00 horas a conferencia “Sexualidade e relación de parellas/vínculos, como afectan á nosa saúde mental”. A encargada de abordar este tema será Martina González, psicóloga xeral sanitaria, especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parellas e especialista en intervención e acompañamento psicolóxico en diversidade sexual, tal e como avanzou o edil de Sanidade, Manuel Ramos.
O concelleiro animou ás veciñas e veciños a acudir a esta nova conferencia do programa “A saúde mental é cousa de todos e todas”, a través do que se programaron na cidade varias ponencias impartidas por expertos nas áreas da psicoloxía, a nutrición e a saúde mental. “Todas as convocatorias programadas tiveron moi boa acollida entre a cidadanía o que constata a importancia de continuar traballando nesta materia e ofrecéndolle á veciñanza información especializada e ferramentas sobre este tipo de doenzas”, apuntou Ramos.
Esta primeira edición do Programa de prevención da depresión e mellora da saúde mental rematará o vindeiro mes de xuño, tal e como estaba previsto inicialmente.