Saturday 16 de November de 2024

A Xunta aposta por fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación universitaria


A secretaria xeral da Igualdade participou na entrega dos VI Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega dos VI Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, que outorga a Universidade de Santiago de Compostela.

Na entrega de premios tamén participaron o reitor da USC, Juan Viaño, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez Pérez; a concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo.

López Abella salientou que calquera experiencia educativa innovadora relativa á perspectiva de xénero na formación, docencia e investigación universitaria é “un gran avance” e por iso este obxectivo aparece recollido no VI Plan galego de igualdade da Xunta de Galicia.

Algunhas das medidas específicas que o Goberno galego propón neste Plan son o apoio ao desenvolvemento de másteres específicos de formación en perspectiva de xénero; a formación en coeducación dirixida ao persoal docente universitario e a realización das accións necesarias para aumentar o número de mulleres dedicadas á investigación, ao desenvolvemento e á innovación; entre outras.

A titular da Igualdade rematou a súa intervención apelando á suma de esforzos, entre todos e todas, para por en marcha “un importante motor de cambio, que conleva un proceso de sensibilización, formación e aplicación de determinadas accións positivas que supriman as barreiras de xénero tantas veces invisibles”.Claro exemplo diso, asegurou, son os premios que hoxe entregáronse na Reitoría da Universidade compostelá.

Os premiados
Os primeiros premios foron para o proxecto docente “A experiencia de inclusión da perspectiva de xénero na docencia da materia Estrutura Económica Mundial II: Desenvolvemento Económico” e para o proxecto de investigación “Steel Barrier: Legal Implications from a Gender Equal Opportunity Perspective”.

Os segundos premios foron para os proxectos “A imaxe corporal da muller na sociedade actual. Unha mirada desde as artes” (docencia) e “Vendedoras de barro. Mulleres rurais e os límites do «doméstico» a mediados do século XX” (investigación).

Por último, os terceiros premios foron para os proxectos “A introdución da perspectiva de xénero na Química a través da Táboa Periódica” e “O xénero como determinante dos investimentos financeiros”, nas modalidades de docencia e investigación, respectivamente.