Ás tres liñas convocadas só poderán concorrer as entidades que non dispoñan de convenio nominativo co Concello
O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres 26 de maio a convocatoria de axudas municipais para colaborar con entidades veciñais e culturais, así como cos clubes e colectivos deportivos que non teñan subscrito convenio nominativo co Concello. No apartado cultural hai unha partida económica dispoñible de 13.500 euros, 11.500 para cofinanciar actividades e os 2.000 euros restantes para investimentos en melloras, equipamento ou gasto corrente que realicen aqueles colectivos con local propio ou alugado. Para deportes reserváronse 12.000 euros, cuxa distribución se efectuará -igual que en Cultura- segundo os criterios establecidos nas bases. O período de solicitude, de 20 días hábiles trala publicación no BOP, empezará a correr este luns 29 de maio -incluído-, de modo que o prazo rematará o venres 23 de xuño ás 23:59h. O trámite ha de facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal.
As actividades subvencionables en deportes serán aquelas que desenvolvan dentro do ámbito territorial de San Sadurniño as entidades que figuren inscritas no rexistro de colectivos do Concello. Entre os conceptos financiables están, por exemplo, os gastos de participación en competicións deportivas -fichas, arbitraxes, servizos sanitarios, merca de material, transporte…-, ademais dos gastos ordinarios e de funcionamento. Non se subvencionarán, porén, gastos financieiros, notariais, rexistrais e periciais; tampouco multas, sancións ou recargos nin tributos. A convocatoria tampouco aceptará como subvencionables os gastos en xantares, eventos gastronómicos e similares.
A distribución dos fondos -12.000 euros- farase seguindo os criterios establecidos nas bases, onde se estipulan cinco partidas que se lles asignarán proporcionalmente ás entidades que cumpran os requisitos, dependendo da puntuación alcanzada en cada caso.
De acordo con este sistema, hai previstos 600 euros para distribuír entre entidades que non teñan equipos de deportes olímpicos, outros 5.900 para aquelas que si participen en competicións de deportes olímpicos -segundo o número de licenzas, que valerán o dobre se son femininas-, 1.000 euros para mantemento de instalacións que se teñan en propiedade ou cedidas, 2.500 euros por número de equipos en cada categoría competitiva e 2.000 euros para distribuir por programa presentado, en base ao importe do orzamento que se propoña na solicitude (ata os 1.000 euros outórganse 0,50 puntos, e o baremo vai incrementándose até os 5 puntos que se poderán obter por orzamentos superiores aos 10.000 euros).
Por outra banda, ás subvencións para cultura poderán concorrer todos os colectivos sen fins de lucro que non teñan subscrito convenio nominativo co Concello e que estean constituídos de foma válida, inscritos no Rexistro municipal de entidades e con domicilio social en San Sadurniño, aínda que tamén se abre a porta a aqueloutros que malia seren de fóra desenvolvan actividades de interese municipal. A convocatoria mesmo está aberta ás agrupacións de persoas físicas ou xurídicas constituídas sen fins de lucro.
En calquera caso, tal e como establecen as bases, deberán levar a cabo programacións de carácter puntual ou anual no eido cultural -celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, mostras, eventos musicais, conferencias, estudos, etc.-, que contribúan á “promoción e divulgación dos valores culturais galegos”. Quedan fóra as actividades que non cumpran o estipulado nas bases, ademais das viaxes de lecer que non teñan un marcado carácter cultural, os gastos de manutención, as de carácter confesional e as festas.
Na Liña 1 para actividade, dotada con 11.500 euros, a distribución das achegas farase seguindo criterios baremables que asignarán distintas puntuacións dependendo, entre outros aspectos, do interese xeral e repercusión da actividade, de que se fomente a educación en valores solidarios, ambientais ou igualitarios, o grao de innovación da proposta, a promoción da participación da xente nova, o esforzo orzamentario ou a estabilidade e solvencia da entidade na organización das súas propostas. Todos os criterios e a fórmula que se aplicará para o cálculo da puntuación encóntranse recollidos nas bases da convocatoria.
Dependendo do proxecto presentado, o límite máximo que podería recibir un colectivo serían 4.000 euros de axuda, destinados ao financiamento da contratación de actividades, á merca de materiais funxibles (máximo 25% do orzamento total admitido), aos gastos de mantemento e aloxamento en caso de intercambios de grupos artísticos, a material didáctico, ao alugueiro de equipamento -palcos, carpas, iluminación, amplificación, etc.-, á contratación de artistas, a publicidade e a seguros de accidentes e de responsabilidade civil das actividades subvencionadas.
A Liña 2, dotada con 2.000 euros, vai dirixida a aquelas entidades que fagan investimentos en melloras -obras ou equipamento- ou que soporten gastos correntes -luz, seguro das instalacións, calefacción, etc.- nun local en propiedade ou aluguer.
O prazo para solicitar tanto as axudas de Cultura como as de Deportes é de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación do extracto no BOP, que se produciu este venres 26 de maio. Polo tanto, o período empezará a correr o luns 29 de maio -incluído- e finalizará o próximo 23 de xuño ás 23:59h, dado que as peticións só poden presentarse a través da Sede Electrónica municipal.
Unha vez comunicada a concesión das axudas, as entidades culturais e deportivas terán de prazo ata o día 30 de novembro para presentar a documentación xustificativa. Poderase solicitar unha prórroga que en ningún caso excederá o prazo de 50 días despois desa data límite. Todos os gastos efectuados e que se acheguen como xustificación mediante as correspondentes facturas oficiais, TCs e resgardos do pagamento mediante transferencia, deberán estar comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2023.