Friday 22 de November de 2024

Comezan os traballos para mellorar a accesibilidade peonil no treito que conecta a avenida de Monelos coa rolda Camilo José Cela, no Barrio das Flores


Está previsto renovar o pavimento nos accesos ás beirarrúas entre as rúas Amapolas e Azucenas. Ademais, instalaranse novas barandillas metálicas bordeando os espazos verdes, reforzando a seguridade das persoas

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos para mellorar a accesibilidade peonil no treito que conecta o sector norte da avenida de Monelos coa rolda Camilo José Cela, na contorna do Barrio das Flores.

A intervención, centrada na beirarrúa que une as rúas Amapolas e Azucenas, contemplaunha renovación integral dos espazos de paso para os peóns. En primeira instancia, levarase a cabo a demolición do antigo pavimento nos accesos aos pasos peonís, onde se disporán losetas podotáctiles nos accesos desde as rúas Amapolas, Lirios e Camelias cara á avenida de Monelos e a rolda Camilo José Cela.

Neste sentido, e como seguinte paso, tamén se instalarán novas barandillas metálicas entre a beirarrúa e os espazos verdes lindeiros aos bloques de edificios deste treito, co obxectivo de reforzar a accesibilidade e seguridade das persoas.

A maiores, tamén está previsto executar melloras na marquesiña de bus urbano que está localizada ao inicio da rolda Camilo José Cela, na beirarrúa dereita en sentido de entrada.

Ademais, procederase á substitución do antigo mobiliario urbano. A este respecto, no treito inicial de Camilo José Cela tamén se habilitará una pequena área de lecer con novos bancos e arboredo, que se executará ampliando lixeiramente o treito de beirarrúa, a modo de saliente.

Os traballos contan cun orzamento de 116.479 euros, e teñen un prazo de execución estimado en catro semanas.