A inscrición estará aberta entre mañá sábado e o mércores da próxima semana.
Froito das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co apoio da Unión Europea, o Concello organiza un novo programa de intercambio xuvenil en colaboración co Polo Tecnico Professionale de Venecia.
A iniciativa vai dirixida a mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A viaxe á localidade italiana realizarase do 24 de xuño ao 1 de xullo, datas durante as que os participantes, ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitarán os puntos de interese máis importante e realizarán actividades de tipo cultural con percorridos polos principais museos e monumentos.
A cota de inscrición, que inclúe o transporte, aloxamento, manutención e todas as actividades a realizar en Venecia, é de 150 euros.
O prazo de preinscrición estará aberto desde mañá sábado ata o mércores da próxima semana, día 31 de xuño. As persoas interesadas poden anotarse directamente en liña cubrindo o formulario que estará dispoñible na web municipal alaracha.gal ou ben presencialmente acudindo ao Concello. No caso de que se rexistren máis solicitudes que as once prazas dispoñibles, realizaríase un sorteo público o día 1 de xuño.
Con esta iniciativa o Concello pretende aportar o seu gran de area na construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade de coñecer outro país, o seu idioma e a súa cultura, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o noso municipio.