Saturday 16 de November de 2024

O peirao de Barallobre reestrea parque infantil


Concello de Fene e Portos de Galicia teñen previsto asinar un convenio para o mantemento da fachada marítima, onde a entidade autonómica tamén executou recentemente varias melloras

Un grande polbo dálle desde hoxe a benvida á rapazada no peirao de Barallobre. Un polbo con feitura de tobogán, iso si, que forma parte do mobiliario do novo parque infantil construído polo Concello de Fene xusto no remate da rúa Riveiroa e dentro dos terreos titulariedade de Portos de Galicia. O espazo -onde anteriormente xa existía este tipo de equipamento, aínda que en mal estado- conta tamén con bambáns e randeeiras adaptadas á normativa de seguridade, nova superficie e cun peche perimetral que impida a saída das crianzas cara á vía pública das instalacións portuarias, recentemente renovadas polo ente autonómico en coordinación coa Administración local.

O parque rematouse onte mesmo e desde hoxe xa está dispoñible para o seu uso por parte das nenas e nenos e das súas familias. Ocupa a mesma superficie que a antiga área de xogos, arredor de 600 metros cadrados, que levaba anos en mal estado e que, ademais, non cumpría cos requisitos de protección e seguridade establecidos na regulamentación autonómica e europea.

Por esta razón, desde a área de Servizos encadrouse o proxecto -cercano aos 40.000 euros- no plan de adaptación normativa e conservación de parques, a través do que tamén se efectuaron renovacións similares no Feal (Magalofes), no Souto (Sillobre), no Grupo Escolar Curros Enríquez (Maniños), nas inmediacións da igrexa de Limodre, ao carón do local da asociación veciñal de Perlío e no parque liñal do Cádavo, no centro urbano do concello.

As instalacións de Barallobre dispoñen de tobogáns e tubos integrados nunha estrutura que simula un grande polbo. A uns metros atópanse dúas randeeiras individuais de resorte e tres bambáns, unha deles de rede para que nel poidan desfrutar pequenos grupos, bebés e, sobre todo, nenas ou nenos con mobilidade reducida. Todo o recinto vai alfombrado con herba natural, combinada na base dos xogos cun céspede artificial que leva por debaixo material amortecedor de posibles caídas.

A intervención complétase cun peche de madeira tratada e un panel informativo sobre o uso correcto do parque. O deseño diríxese a rapazada de 0 a 14 anos e en ningún caso poderán empregar os enredos as persoas maiores de idade. As crianzas ata 3 anos deberán estar acompañadas sempre por unha persoa adulta. Tampouco se autoriza a entrada de animais, fumar no recinto e introducir nel bicicletas, patíns e similares. A información inclúe, por último, os teléfonos de contacto da Policía Local, do 112 e do Centro de Saúde.

Cooperación con Portos de Galicia
A renovación do parque infantil do Peirao de Barallobre prodúcese días despois de que rematasen as obras de reurbanización da zona acometidas por Portos de Galicia en coordinación co Concello, quen planificou a instalación de canalizacións soterradas que permitan a instalación de iluminación de led en todo o paseo marítimo Bieito Cupeiro. Ambas institucións teñen previsto asinar un convenio que recolla o mantemento das zonas axardinadas e a conservación de espazos coma o do novo parque, ademais de reflectir os termos relativos á titulariedade dos terreos que na práctica non estean afectados á actividade portuaria.