Friday 22 de November de 2024

O novo paso peonil de Juana de Vega amplía a súa superficie para mellorar a seguridade das persoas nun dos pasos con máis usuarios da cidade


Os traballos de pintado e sinalización horizontal completáronse a pasada noite, incrementando o ancho e o longo do percorrido

Ademais, remataron tamén os traballos de mellora na rúa Mosteiro de Caaveiro, no Ventorrillo, onde se elevaron dous pasos peonís e se renovou o firme na área de aparcamento da explanada entre os números 40 e 52

O Concello completou a pasada noite os traballos para renovar e ampliar a superficie do principal paso peonil de Juana de Vega, que agora, ademais de seguir conectado co illote central da praza, tamén une a recentemente peonalizada rúa Compostela co estremo sureste de Juana de Vega.

A intervención completouse a primeira hora desta mañá, co obxectivo de ter habilitado xa este venres o paso peonil sen incidencias para os peóns e vehículos. Desta forma, tras rematarse o pintado da sinalización horizontal sobre o pavimento, incrementouse a superficie do paso a 418 metros cadrados, cunha disposición de 19×22 que permite o cruzamento simultáneo de máis persoas evitando aglomeracións.

Tamén se acometeu a retirada da barandilla que ata agora estaba situada na esquina sureste de Juana de Vega, facilitando neste punto —anteriormente acoutado— a accesibilidade dos peóns á beirarrúa. A este respecto, está previsto acometer, nunha seguinte fase, o limado das esquinas para ampliar os espazos de acceso ás persoas con mobilidade reducida. O paso xa é accesible, máis ampliarase esa condición a toda a fronte, igual que se fará nos vindeiros días no recén ampliado de Ramón y Cajal.

Ademais, tamén se levaron a cabo tarefas para remodelar a sinalización horizontal no carril de acceso desde o Cantón Pequeno a Juana de Vega, adaptándoo á nova disposición do paso peonil da praza de Mina. A maiores, tamén se repintou o sinal para ceder o paso situada na saída do párking de Juana de Vega cara á praza, que foi reubicada uns metros máis atrás para facilitar a ampliación de superficie do paso peonil.

No referente á regulación semafórica, mantéñense os tempos de verde existentes: 21segundos fixos, máis 9 segundos intermitentes, o que fai un total de 30 segundos de paso en verde para cruzar os 19 metros do paso peonil.

Rematan as obras de mellora na rúa Mosteiro de Caaveiro, no Ventorrillo

Ademais, este venres concluíron as intervencións de mellora executadas polo servizo municipal de Infraestruturas na rúa Mosteiro de Caaveiro, no barrio do Ventorrillo, onde se levaron a cabo dúas obras para elevar os pasos peonís situados á altura dos números 14 e 40, ampliando ademais as beirarrúas lindeiras para facelas máis accesibles.

A maiores, tamén finalizaron os traballos para a renovación do firme na área de aparcamento da explanada situada entre os números 40 e 52 de Mosteiro de Caaveiro, xa reaberta á cidadanía para o estacionamento de vehículos.