Friday 22 de November de 2024

Xunta, CXPX, Fiscalía e os Colexios de Avogados e Psicólogos colaboran para implantar a mediación intraxudicial familiar na Coruña


Alfonso Rueda destacou os bos resultados acadados ata agora nas cidades onde xa está implantada, que reflicten a súa utilidade e eficacia e que palían o exceso de litioxidade nos xulgados galegos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe un convenio de colaboración co CXPX, o Ministerio Fiscal e os colexios oficiais de Psicoloxía e Avogados para o desenvolvemento dun programa experimental de mediación intraxudicial familiar na Coruña.

Alfonso Rueda destacou que a implicación dos sete colectivos e o compromiso coa mediación é unha das claves dos bos resultados deste sistema de resolución de conflitos, que estase a estender por toda Galicia, que agora se pon en marcha na cidade da Coruña.

A mediación familiar intraxudicial comezou no ano 2009 de xeito experimental en Santiago e agora está dispoñible xa en seis das setes grandes cidades galegas, cuns bos resultados que reflicten a súa utilidade e a súa eficacia, xa que arredor de 500 familias aceptaron as mediacións que se lles ofreceron e máis da metade destas resultaron resoltas con acordo.
Segundo apuntou o titular da Vicepresidencia grazas á posta en marcha do sistema de mediación on aquí os principais beneficios da mediación intraxudicial, xa que palía o exceso de litixiosidade, que é unha das causas de que non haxa máis rapidez nos nosos órganos xudiciais; é unha solución máis áxil e máis económica, e menos traumática para as partes, ao tempo que se contribuíu á reducir a saturación dos xulgados tradicionais.
Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, fixo fincapé na importancia que ten a mediación como “canle para dar unha cobertura extraxudicial satisfactoria, e dun modo áxil e eficaz a conflitos no seo de familias”. Neste sentido, destacou como principais vantaxes deste procedemento que é gratuíto ou que, en todo caso, diminúe o custe económico e tamén emocional da ruptura; é máis flexible que o proceso xudicial; evita a xudicialización innecesaria dos conflitos e, sobre todo, caer nunha dinámica de crecente confrontación entre os proxenitores polo enquistamento de posicións. Así mesmo, apuntou que coa mediación interxudicial tamén se reduce o risco de que os menores se utilicen como “moeda de cambio” na negociación.

Ademais, Rey Varela manifestou que esta colaboración entre diferentes departamentos autonómicos, institucións xudiciais e colexios profesionais “é o camiño para dar un mellor servizo e intentar poñerlle as cousas máis doadas ás familias para solucionar situacións de conflito”.
Segundo destacou o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, a Fiscalía ten o máximo interese en constituír, implantar, desenvolver e potenciar os mecanismos de mediación para a resolución de conflitos en materia de familia, non só para satisfacción dos cidadáns senón tamén para ter unha xustiza do século XXI, equiparable a outros países do noso entorno en parámetros de calidade.
O convenio asinado hoxe na Coruña é o sexto que se pon en marcha nas grandes cidades, e súmase aos que xa están implantados en Lugo, Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago, polo que segundo as súas palabras “seguiremos traballando para estender este programa a outras cidades, particularmente á de Ferrol, na que agardamos que tamén se poida dispoñer, tan pronto sexa posible, dun Xulgado de Familia”.
A Fiscalía continuará a súa labor e xestións con todas as partes implicadas upara desenvolver os mecanismos da xustiza restaurativa no que se refire á mediación penal de adultos e de menores, que consideramos unha ferramenta fundamental para mellorar o sistema xudicial.
Segundo Augusto Pérez-Cepeda Vila, Decano do Colexio de Avogados da Coruña, “dende o Colexio levamos anos traballando na mediación como unha vía complementaria para a resolución de conflitos. No ano 2012, creouse o Servizo de Mediación e Rexistro de Mediadores do Colexio para por a disposición das partes implicadas novas ferramentas que permitan acadar solucións satisfactorias. A sinatura deste convenio con todas as institucións participantes supón un importante respaldo na súa promoción e desenvolvemento. Esperamos que este programa piloto sexa unha base sobre a que podemos asentar novos acordos de colaboración que permitan que a mediación familiar se estableza como método alternativo non xudicial para a resolución de conflitos “.

Recurso gratuíto e voluntario
A mediación é un recurso totalmente gratuíto e a súa aceptación é voluntaria. Pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen valora a situación e decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo. No caso de que ambas partes acepten voluntariamente acollerse a este programa, contarán co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actuarán como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais buscará sempre promover un acordo das partes que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.

Os casos máis habituais á hora de recorrer a este tipo de mediación son os divorcios, separacións, modificacións de medidas económicas e garda e custodia, visitas avós-netos, tutelas ou execucións por incumprimentos ou liquidacións de bens gananciais; entre outros.

Todos os expertos coinciden en que a mediación familiar -aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado- favorece a resolución de conflitos de xeito rápido e económico, incide directamente nunha redución da carga de litixiosidade, e consecuentemente contribúe a baixar a carga de traballo nos xulgados galegos. Ademais, este tipo de mediación aforra custes emocionais, ao pretender que os dous membros da parella atopen por si mesmos un acordo duradeiro e mutuamente aceptable, algo que é especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.