Friday 22 de November de 2024

Continúa a campaña desinformativa contra o Concello de Oleiros


A campaña de desinformación e descrédito contra o Concello de Oleiros por parte dalgúns medios de comunicación foi hoxe un paso máis alá intentando atribuírlle ao Goberno municipal a autoría dun incendio nunha nave de Maianca. O burdo intento de relacionar ao Goberno municipal con estes feitos está amparado en falsidades.

O incendio inicial foi o 17 de abril e a publicación das candidaturas 9 días despois, o 26, polo que a versión do periódico é absolutamente falsa. A nave en cuestión xa ardera o 23 de xuño de 2015 e estaba denunciada polo Seprona desde o 2020 polo abandono de máis de 1.000 neumáticos. A Garda Civil tiña abertas dilixencias desde agosto pola existencia dunha conexión eléctrica ilegal, vehículos abandonados e actividades clandestinas.

“Que non se contrastasen estes datos antes de difundir a noticia e se lle dese pábulo a unha persoa de extrema dereita deixa patente o claro afán por intoxicar á cidadanía con todo tipo de mentiras, neste caso delirantes. O forte interese de PP e PSOE por evitar que Alternativa dos Veciños incremente a súa presenza na Deputación tras as eleccións do domingo está detrás desta feroz campaña antidemocrática que se sirve do control que teñen estes partidos e os grupos de poder sobre os medios de comunicación”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.