Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Miño consegue que Costas constrúa un novo paseo da Praia Grande máis respectuoso co medio e accesible


• O proxecto englóbase dentro da rexeneración do espazo dunar do areal, xa en licitación. A pasarela instalada non requirirá de mantemento e, por tanto, será máis duradeira

O Partido Socialista de Miño segue pensando en desenvolver ao máximo as potencialidades do municipio. Para iso, no último mandato insistiu para que se puxese en marcha a ambiciosa iniciativa de rexeneración ambiental da contorna da Praia Grande. Finalmente, a demarcación de Costas redactou o proxecto, que xa está en licitación e que permitirá devolver o equilibrio ao ecosistema do espazo dunar cun investimento de 1,7 millóns de euros en Miño.

A maiores deste obxectivo ambiental, a iniciativa tamén pretende mellorar a accesibilidade ao areal. Precisamente por iso, unha das actuacións previstas é a construción dun novo paseo que substitúa á pasarela de madeira que exerce como lugar de paso na actualidade. Unha pasarela que se atopa moi deteriorada, necesita constantes labores de mantemento e non ofrece un servizo de paso adecuado para persoas con mobilidade reducida.

O novo paseo da Praia Grande non só será construído con materiais que se permitirán integrar coa contorna e serán máis respectuosos co medio, senón que tamén supoñerá unha notable mellora da accesibilidade. Ademais, a pasarela instalada non requirirá de mantemento e, por tanto, será máis duradeira no tempo.