Saturday 16 de November de 2024

Os nacionalistas manterán o apoio á veciñanza e traballarán para garantir o dereito á saúde


O BNG respalda as demandas da veciñanza de Corrubedo que se concentrou un xoves máis para esixir que a Consellaría de Sanidade dote de persoal médico e recursos suficientes centro de saúde da parroquia.

Os nacionalistas aseguran que o deterioro que sofre a Atención Primaria en Ribeira está motivado pola precariedade laboral que padece o persoal sanitario e por culpa dos recortes orzamentarios aplicados polo Goberno galego. Esta situación provoca falta de profesionais, listaxes de agarda para acudir a unha cita médica e unha atención de peor calidade.

O candidato á Alcaldía Luís Pérez, acompañado de Cruz Rivadulla, José Sanmiguel e Rafael Pazos, comprometeuse desde a parroquia a defender os dereitos da veciñanza a ter profesionais sanitarios suficientes e a tempo completo.

“Faremos todo o que estea nas nosas mans para que Goberno galego entenda que debe cubrir as prazas e garantir a calidade asistencial á poboación tendo o mesmo médico tódolos días da semana”.