O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Bergondo, Manuel Fafián, afea ao actual equipo de goberno (PSOE + ALTERNATIVA dos VECIÑOS) que leve desde Outubro de 2016 coa tramitación dunha modificación puntual da normativa urbanística vixente (Normas Subsidiarias do ano 1992) que permita a construción dunha área comercial na rotonda de San Isidro e supoña a apertura dun supermercado e varios locais comerciais para que poidan establecerse os autónomos de Bergondo, posto que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aínda o teñen nunha fase inicial pendente de varios anos de tramitación.
O centro de Bergondo, zona de San Isidro, carece de tendas ou comercios que abastezan á poboación, polo que os veciños deben de desprazarse a Guísamo, Sada ou a Betanzos para realizar as súas compras diarias posto que os pequenos colmados da zona foron pechando por xubilación e sen substitución posible, deixando a boa parte dos bergondeses sen acceso a un supermercado.
“Levamos desde 2019 escoitando que Gadis ten a intención de establecerse na parcela existente entre a rotonda e o edificio de Servizos Sociais do Concello, iniciativa que foi moi ben acollida polo veciños pero que ata o momento non puido facerse realidade por culpa da lentitude do Concello- di Manuel Fafián- e por este motivo o Partido Popular esixe que se axilicen todos os trámites municipais para que este proxecto do que leva falando desde as anteriores eleccións, poida comezar coa construción dun supermercado parecido ao recentemente inaugurado en Iñás, Oleiros, porque é moi necesario”.
Segundo Manuel Fafián, Bergondo merécese unha área comercial e de servizos á altura dos seus cidadáns, e o equipo de goberno do PSOE e Alternativa non parece ter ningún interese por dar facilidades ás empresas para asentarse no municipio, crear emprego e dotar a Bergondo de algo tan necesario que está a ser reclamado polos veciños desde hai anos.
MANUEL FAFIÁN PIDE QUE SE RETOME A UNIÓN DE SADA E BERGONDO POLA COSTA DE GANDARÍO
O Partido Popular de Bergondo, co seu candidato á alcaldía Manuel Fafián á fronte, quere retomar un proxecto que leva anos metido nun caixón e que supoñería unir a praia de Gandarío pola costa a parroquia de Ouces ata a localidade de Sada.
Trataríase dunha pasarela peonil que transcorrería en parte sobre as rocas e en parte sobre a costa e que facilitaría a conexión dos areais de ambos os Concellos mediante un paseo marítimo que ofrecería unha solución saudable aos veciños e visitantes que poderían gozar dun roteiro moi fermoso ao bordo do mar, pasando pola batería de Corbeiroa, situada aos pés do albergue da Mariña, para chegar ata Sada, en cuxo PXOM xa se contempla un acceso desde a Avenida da República de Arxentina ata o citado miradoiro.
Segundo Manuel Fafián, Bergondo e Sada necesitan crecer e darse a coñecer destacando o seu potencial paisaxístico; non se pode vivir á marxe dos concellos limítrofes e neste caso Sada e Bergondo están unidos por unha costa bellísima que merece ser descuberta e mostrada aos veciños e aos visitantes de ambas as localidades.