Saturday 16 de November de 2024

O valenciano Sergio Iborra Colomer gaña o concurso do cartel de San Xoán cunha proposta que recolle todos os símbolos da festa


Despois de dúas edicións de gañadores carballeses, este ano o premio do concurso do cartel do San Xoán viaxa ata Valencia. A proposta presentada por Sergio Iborra Colomer foi a escollida polo xurado entre todas as presentadas ao certame, que está dotado cun premio de 450 euros patrocinado por Opticalia Enríquez.
Licenciado en Ciencias da Información, na especialidade de Publicidade e Relacións Públicas, Sergio Iborra, natural de Xátiva, convértese en gañador do concurso cunha proposta innovadora pero fiel á tradición, que recolle os principais símbolos da nosa festa. O lume, as sardiñas, a maxia da noite meiga e mesmo os barcos de papel que baixan cada ano polo río Anllóns na Festa do Bosque forman parte do cartel.

O currículo profesional do gañador (director creativo, profesor de marketing, departamentos de comunicación institucionais e privados…) é tan extenso como o seu palmarés de premios, que neste 2023 está a aumentar a unha velocidade de vertixe.

O deseño deste ano competiu cunha vintena de carteis chegados dende diversas localidades. O xurado estivo composto polos membros da comisión de festas.