Friday 22 de November de 2024

O Festival do Río Castro preséntase este sábado nas tabernas de Naraío


O cartel e máis o programa da 28ª edición daranse a coñecer ao mediodía no bar Eladio e á tardiña no bar O Campo

Naraío celebrará o 1 de xullo a 28ª edición do Festival do Río Castro. A asociación veciñal O Castelo de Narahío ultima os preparativos dun evento que volverá combinar a música tradicional co ambiente propio dunha romaría campestre. O deseño do cartel e o contido do programa daranse a coñecer este sábado dun xeito novidoso. E é que a organización decidiu deslocalizar a presentación que sempre se fixo por estas datas, pasándoa do local social da Veiga aos dous bares que hai na parroquia. E ademais en xornada partida, cunha cita musical ao mediodía (12:30h) no Bar Eladio, no Eirexado, e outra a partir do serán no Café Bar O Campo (20:00h), situado no lugar do Piñeiro. Como convidados: o grupo folc Encrucillada e os Mozos da Ronda da AC Donaire. Como alicientes: sorteos, un torneo de “chinos” e, sobra dicilo, a mellor maneira de reflexionar entre amizades para o domingo.

O cartel do XXVIII Festival do Río Castro é obra do artista gráfico Juanlu Nacha, deseñador de cabeceira de toda a imaxe do encontro case desde os seus inicios. A organización garda baixo sete chaves o programa do 1 de xullo e o debuxo que o ilustrará. Segundo nos aseguran, tanto unha cousa como a outra volverán ser sorprendentes, co obxectivo de manter o nivel e a calidade dun festival que é toda unha referencia para o público familiar da comarca e doutros puntos de Galicia.

Como queira que sexa, saberemos do deseño e dos grupos este sábado 27 de maio por medio dunha presentación en dúas veces que terá lugar nos dous bares que hai en Naraío. Así, na parte de mediodía, a partir das 12:30h, no Bar Eladio (localización en maps) haberá unha sesión vermú na compaña do grupo folc Encrucillada, quen tamén ofrecerá un obradoiro de cantos de taberna. Ademais, para que o ambiente sexa totalmente tabernario, O Castelo de Narahío propón un campionato de “chinos”, o xogo de estratexia e cálculo mental con moedas co que aínda se decide en moitos sitios quen paga a rolda de consumicións.

A segunda parte da presentación comezará a iso das 20:00h no Café-bar O Campo, no lugar do Piñeiro (localización en maps), tendo como convidados aos Mozos da Ronda, pertencentes á Asociación Cultural Donaire. Tocarán pezas tradicionais e ofrecerán a oportunidade de aprender os puntos básicos do baile galego. A noite da xornada de reflexión en Naraío rematará cunha foliada libre como continuación do concerto da agrupación coruñesa, pertencente a unha das entidades culturais máis numerosas de Galicia.

Alén de participar da festa, quen acuda á presentación de mediodía ou da noitiña tamén entrará no sorteo de dúas láminas de Juanlu Nacha.

O XXVIII Festival do Río Castro está organizado pola Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, que conta este ano coa colaboración da Cooperativa de Meirás e coa do Concello de San Sadurniño, neste último caso coa cesión dunha das actuacións a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña e outra por medio do programaDinamiz-Artj promovido polo Instituto para a Transición Xusta. A asociación tamén ten previsto solicitar a colaboración da Deputación da Coruña con cargo á liña de subvencións para festivais audiovisuais e musicais.