Friday 22 de November de 2024

Preto dunha vintena de equipos alevíns de Ferrolterra participan este sábado en Neda no torneo Ferrol F8


A cita deportiva está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol

Neda converterase esta fin de semana nunha gran festa do deporte base. O campo de fútbol municipal Juanito González acollerá o sábado o torneo de convivencia Ferrol F8, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol, a través da súa delegación en Ferrol, no que participarán preto dunha vintenade equipos de alevíns. A xornada contará coa colaboración do SD Rápido de Neda e do Concello.

Tras o peche do calendario de liga, mediranse nesta cita co fútbol 8 en Neda nada menos que 19 equipos da citada categoría, procedentes de toda a comarca. Así, segundo apunta a organización, competirán pola “copa” de alevíns a EF. Amistade; CD. Cariño; CD. Narón B; CMI. Club de Campo; a EF. Irmandiños B; SD. Rápido de Neda; SD. O Val, Racing San Pedro; FC. Ortigueira; SD Libunca; CD. Narón; SD.
Cultural Maniños; FC. Ortigueira B; SD. Cultural Maniños B; EF. Irmandiños; Galicia de Caranza C; CD. As Pontes; CF. Meirás e SRD. Portuarios.

Durante toda a xornada vivirase un auténtico maratón de bo fútbol e goles, con enfrontamentos dende as 10 horas ata ben entrada a tardiña. O formato da competición (partidos de 20 minutos e penaltis) inclúe nada menos que 34 partidos, estando o arranque da final previsto para as 20.15 horas.

Máis de 200 rapaces e rapazas deportistas compartirán a xornada en Neda, que se converterá nun inmellorable escaparate do talento e potencial da canteira do fútbol de Ferrolterra. Xogadores e xogadores encherán, xunto con familiares e os equipos técnicos dos clubs participantes, o campo municipal Juanito González.