Friday 22 de November de 2024

O BNG compromete actividades e facilitará a conciliación se chega ao goberno ribeirense


O BNG ribeirense comprométese a desenvolver políticas de conciliación para que as familias teñan programadas actividades municipais para nenos e nenas durante todo o ano, como unha medida efectiva de fomento da igualdade e da natalidade.

Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla acompañados doutros membros da candidatura anunciaron algunhas das medidas do programa de conciliación que o BNG porá en marcha cando chegue á Alcaldía, cunha clara aposta pola igualdade e polo coidado das persoas, para favorecer a compatibilidade de horarios laborais e familiares e facilitar a natalidade.

Entre os compromisos destacan a dotación de novos parques cubertos para xogar ao aire libre en verán e inverno, puntos de atención á infancia para deixar a rapazada mentres se fan recados e un trazado viario de camiños escolares para que o alumnado poida chegar andando aos colexios, coa implicación da veciñanza e co calmado do tráfico para favorecer a seguranza e os hábitos saudábeis na infancia.

“Estas iniciativas compleméntanse coa posta en marcha dun programa para mellorar o servizo dos comedores escolares e coa firme convicción de traballar a carón das ANPAS e das familias para desenvolver todo tipo de actividades”, explicou Pérez Barral.

Cando o BNG chegue á Alcaldía traballará para a incorporación de cláusulas sociais na contratación pública; non só para contratar mulleres e reducir a fenda de xénero, tamén para fomentar que as empresas destaquen por desenvolver políticas a favor da igualdade e da conciliación, indicou. Neste sentido, os nacionalistas apostan, no curto prazo por reforzar o Servizo de Axuda no Fogar e, a longo prazo, municipalizar este servizo.