Saturday 16 de November de 2024

Comezan a traballar as persoas contratadas polo Concello de San Sadurniño a través do PEL provincial e do APROL Rural


O Concello de San Sadurniño volveu acollerse este ano aos programas de mellora da empregabilidade financiados pola Deputación da Coruña e a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade. A través destas dúas convocatorias leváronse a cabo os correspondentes procesos de selección para a cobertura, con carácter temporal, de tres postos de traballo: un de condución da maquinaria municipal, outro de peonaxe especial e un de oficialía forestal. Hai uns días comezaron a traballar realizando labores de conservación de espazos públicos e de apoio ao departamento municipal de obras e servizos.

O posto financiado polo APROL Rural cubriuse mediante un contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral. Terá unha duración de nove meses a xornada completa e entre as funcións para desenvolver están as tarefas de limpeza e mantemento de vías e propiedades municipais.

Neste sentido, a convocatoria á que se acolleu o Concello establece que a finalidade do programa é favorecer o emprego mediante a contratación de persoas desempregadas que, maioritariamente, desempeñen labores relacionados coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, como son a planificación preventiva ou a limpeza de biomasa.

O obxectivo do Aprol é, en todo caso, proporcionarlles ás persoas destinatarias do programa a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

A mellora da empregabilidade tamén é a finalidade principal do Programa de Inserción Laboral encadrado no Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña. O Concello convocou a través del dous contratos temporais de 5,5 meses de duración a xornada completa.

Dunha banda contratouse un condutor para manexar o camión do lixo e un dos tractores municipais con rozadoira, ademais de levar a cabo outros traballos dentro do departamento de Servizos e Obras. O outro contrato, de operario ou operaria especial, atende á limpeza viaria, a labores de recollida e tratamento do lixo e ao control da rede de abastecemento de auga.

Os tres perfís laborais que traballarán no Concello durante os próximos meses incorporáronse aos seus postos a semana pasada e durante estes días encóntranse limpando de herbas e sedimentos acumulados distintos puntos do centro urbano e da rede viaria municipal.