Friday 22 de November de 2024

Feijóo asegura que detrás do labor da AGASP e de todas as forzas e corpos de seguridade da Comunidade está a razón de que Galicia sexa un dos lugares máis seguros de España


Pon en valor o convenio con Interior segundo o cal todo o persoal da Policía Nacional e da Garda Civil que traballa en Galicia poderá asistir aos cursos ordinarios da Agasp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que detrás do labor da Academia Galega de Seguridade Pública e de todas as forzas e corpos de seguridade da Comunidade está a razón de que Galicia sexa un dos lugares máis seguros de toda España, xa que é unha das catro autonomías con menor taxa de criminalidade, moi por debaixo da media nacional (28,1 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, fronte ao 43,8 do conxunto do Estado).

Así o expresaba no acto de entrega na Estrada dos diplomas da IX Promoción da Policía Local, dos distintivos de permanencia das Policías Locais e dos diplomas dos cursos de Mediación Policial na Axencia Galega de Seguridade Pública da Estrada, onde asistiu acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Protocolo de colaboración co Ministerio de Interior
Feijóo fixo fincapé en que a calidade da formación que ofrece a Academia vese recoñecida nun convenio histórico que onte mesmo saíu publicado no BOE segundo o cal, a partir desta semana, todo o persoal da Policía Nacional e da Garda Civil que desempeña o seu labor en Galicia poderá asistir aos cursos ordinarios desta Academia. Así, seguirá a consolidarse como o punto de encontro entre todo o persoal da seguridade pública e das emerxencias que traballa na Comunidade.

Como subliñou, a intención do Goberno galego é seguir profundando na colaboración co Goberno central, para avanzar cara a unha formación de mellor calidade e con máis recoñecemento oficial. Con este obxectivo, a Xunta vai comezar a traballar xunto ao Ministerio de Educación para convalidar os estudos que realicen na Agasp os policías locais, e que estes sexan equivalentes a estudos de formación profesional ou universitarios.

Unha formación participativa
O titular da Xunta puxo en valor a formación participativa e lembrou que, desde 2014, o plan de formación desta Academia elabórase directamente a partir dunha enquisa web que recolle suxestións e demandas das persoas que forman parte dos corpos de Policías Locais.

Con esas achegas, o Goberno galego elabora máis de 200 cursos de formación continua, nos que hai máis dun milleiro de prazas para máis de 4.000 horas de formación. Así mesmo, entre os temas suxeridos que se engadiron no currículo están o uso de tecnoloxías como redes sociais ou aplicacións web, a abordaxe de situacións complexas como a comunicación de malas novas e a intervención en aspectos tan concretos da seguridade pública como os relacionados coa venda ambulante ou o ocio nocturno.

Recoñecemento aos graduados
Por outra banda, Feijóo quixo facer especial mención aos cursos básicos de mediación policial, dos cales hoxe foron entregados máis de 150 diplomas. Con respecto a isto, valorou positivamente que cada vez máis policías teñan a formación necesaria para resolver conflitos entre os veciños dun xeito pactado e evitar que teñan que acudir aos Xulgados. Como apuntou, este modelo de intervención policial supón grandes vantaxes, pois garante a paz social e facilita que a Policía Local coñeza a criminalidade da súa contorna e poida previla dun xeito máis efectivo.

Así mesmo, o titular da Xunta avanzou que a partir de agora, a Xunta vai convocar os cursos de especialización, que afondarán ao longo de máis de 100 horas lectivas nos pormenores desta disciplina.

Aparte dos alumnos que recolleron os diplomas do curso de mediación, Feijóo referiuse tamén aos 83 veteranos axentes que levan xa 25 anos de dedicación aos seus veciños e aos 13 alumnos da novena promoción da Agasp que a partir de agora traballarán nos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Carballo, Santa Comba, Pobra, Porriño e Vilaboa.

Como subliñou, o Goberno galego seguirá traballando para dotar ás Policías Locais de Galicia da formación e dos medios materiais necesarios para cumprir as altas expectativas que a veciñanza ten delas.

Os atentados de París
Por outra banda, Feijóo reiterou a súa condena aos atentados de París e sinalou que a traxedia que se viviu o venres en París volveu recordar, do xeito máis dramático, a enorme importancia que ten a seguridade pública e, especialmente, as persoas que traballan para garantila. Porque os retos aos que se enfronta Europa, e os seus cidadáns como parte dela, son cada vez máis complexos e dunha magnitude maior.

Segundo o presidente da Xunta, o horror vivido en Francia reflicte a dura realidade de que, neste caso, non nos enfrontamos a unha civilización oposta á nosa, ou a unha ideoloxía diferente á que nós defendemos, senón que o que ataca é a anticivilización, o que definiu como unha especie de besta irracional, inhumana e salvaxe que non ten máis motivación que a sinrazón. Por iso, o máximo responsable autonómico quixo volver a poñer enriba da mesa a necesidade de seguir traballando con unidade para defender desde a Lei os nosos sistemas democráticos fronte á barbarie; e para seguir facéndoo desde o respecto á pluralidade relixiosa. Porque, como engadiu, os fanáticos que sementan o terror non o fan en nome de ningunha obriga sagrada, senón como representantes da máis cruel brutalidade.
Para esa tarefa, o presidente da Xunta afondou na importancia de contar con profesionais de seguridade capacitados e formados axeitadamente posto que, en todos países, en todas as cidades, e en todas as vilas, os axentes teñen un papel fundamental que cómpre que reivindiquemos e que reforcemos, como se fai aquí. Por iso, considera que centros como a Academia Galega da Seguridade Pública son unha ferramenta necesaria para reforzar a loita contra os criminais e conseguir o benestar da sociedade.