A intervención levarase a cabo na área de aparcamento da explanada situada entre os números 40 e 52 desta vía. Está previsto que os traballos finalicen o venres 26
O Concello, a través do servizo municipal de Infraestruturas, dá continuidade estes días ao plan de melloras na rúa Mosteiro de Caaveiro, no barrio do Ventorrillo, onde avanzan as obras para remodelar o paso peonil situado á altura do número 14.
A intervención que se está a executar consiste na elevación do firme do paso de peóns para crear un itinerario único coas beirarrúas. Ademais, tamén se están a ampliar as beirarrúas lindeiras para mellorar a súa accesibilidade e, en paralelo, reforzar tamén a sinalización vertical na calzada.
Neste sentido, está previsto iniciar este luns os traballos no paso peonil localizado fronte ao número 40 da mesma vía, onde se prevé executar unha intervención similar á que xa se está levando a cabo á altura do número 14. En ambos os casos, o obxectivo é promover o calmado do tráfico nunha das principais arterias no barrio do Ventorrillo. Ademais, no caso do paso peonil localizado fronte ao número 40, trátase dunha zona de tránsito peonil habitual cara ás instalacións da Escola Infantil do Ventorrillo.
No contexto dos traballos en Mosteiro de Caaveiro, e tamén este luns, o Concello acometerá a renovación do firme na área de aparcamento da explanada situada entre os números 40 e 52 desta vía. Os prazos marcados por Infraestruturas estiman que a intervención finalizará o venres 26. A este respecto, está previsto limitar o acceso aos garaxes dos números 42, 46, 48, 50 e 52 desde as 8.00 horas do luns 22 ata as 19.30 horas do martes 23, co obxectivo de facilitar os traballos preliminares sobre o pavimento.