O BNG creará unha Concellaría de Mobilidade, unha oficina de mobilidade e un plano estratéxico de seguridade viaria
“Impulsaremos todas as medidas necesarias para priorizar radicalmente a mobilidade peonil , en bicicleta e no transporte público”
Onte venres 19 de maio tivo lugar no Couto (Dorneda) un encontro aberto coa cidadanía ao redor da mobilidade no Concello.
. Unha das preocupacións constantes no BNG de Oleiros é a mobilidade. A súa importancia é fundamental para facilitar servizos á veciñanza, e para favorecer o emprego e a mobilidade responsábel. Para intercambiar opinións e recoller as demandas e propostas, organizamos este encontro, do que dámos conta dalgunhas das principais conclusións:
Detectamos unha eiva importante no noso Concello, que segue unha tendencia totalmente oposta ás medidas que se levan implementando durante anos nos Concellos gobernados polo BNG, tendencia que tamén se contempla no recentemente aprobado Plan Municipal de Urbanismo Sustentábel (PMUS) do concello de Oleiros: a interacción e dependencia entre o urbanismo, o comercio, o emprego e a mobilidade, nun obxectivo de favorecer a proximidade. Todas as medidas que se teñen que tomar xa no eido da mobilidade, urbanismo ou comercio deben ir na mesma dirección: favorecer a peonalización e todas as alternativas posíbeis fronte ao uso do vehículo particular; cos problemas de mobilidade que padecemos en Oleiros só é posíbel un crecemento sustentábel dinamizando os principais núcleos de poboación e facéndoos o centro de actividades económicas compatíbeis e complementarias coa función residencial
Oleiros ten unha poboación censada de máis de 37.000 habitantes, con máis de 10.000 a maiores que están vencellados e non censados. Porén, son unha minoría as persoas que traballan ou estudan a diario en Oleiros: a maior parte faino fóra (principalmente, na Coruña), o que trae consigo importantes problemas de mobilidade, cun predominio moi preocupante do vehículo privado, con récords na Galiza de número de desprazamentos diarios de vehículos particulares, de cantidade de coches por persoa (taxa de motorización) e, así mesmo, iso provoca e favorece que a maior parte das compras tamén se fan fóra do noso concello, prexudicando o desenvolvemento do comercio e o emprego local.
O transporte metropolitano non é capaz de respostar os problemas da cidadanía por falta de frecuencias e horarios, liñas, destinos a lugares de traballo e estudo e enormes problemas de adaptación a realidade de Oleiros e da comarca, tal e como recollimos nunha moción levada polo BNG ao pleno e aprobada por este.
Os desprazamentos peonís e en bicicleta desenvólvense nunha situación precaria e moi limitada polas escasas posibilidades e pola ausencia de espazo público para o peón e de carris bici cheos de atrancos e obstáculos que impiden que sexa un medio alternativo e real ao vehículo particular.
Urxe corrixir esta tendencia coa inmediata creación dunha Concellaría de Mobilidade e dunha oficina de mobilidade que desenvolvan integramente o PMUS, tamén coa establecemento dun plan estratéxico de seguridade viaria, deste xeito posibilitaráse a creación dun ronsel de medidas que permitirán o establecemento de itinerarios peonís e en bicicleta que conten con adecuadas condicións de seguridade e accesibilidade, garantir unha accesibilidade universal a todas as persoas, ordenación do espazo urbano para os peóns, pasos de peóns seguros e accesíbeis, incremento nun sentido amplo do transporte público efectivo, transporte marítimo na Ría, optimizacion das redes públicas de transporte, integrar a mobilidade sustentábel na planificación urbanística de xeito xeralizado e coordinado, integración da mobilidade na planificación urbana, reducir a accidentalidade e acadar unha mobilidade máis segura dos colectivos máis vulnerábeis, reducción de velocidade en vías, diminuir a emisión de gases contaminantes, fomento do uso partillado do vehículo creando unha aplicación de móbil ad hoc con esta finalidade, máis estacionamentos para autocaravanas, sistemas públicos de aluguer de bicicletas, facilitar a mobilidade de colectivos vulnerábeis, repensar o sistema da ORA durante os meses de verán con tarxetas de estacionamento para veciñas e que repercuta o recadado no comercio de proximidade, implementar unha normativa específica para emisións e fixación de medidores de calidade do aire, deseñar corredores verdes na planificación urbanística para conectar os espazos naturais do Concello e de pasos de fauna para evitar accidentes…..
Este foi un dos eixos centrais da nosa acción nas institucións municipais, e así continuaremos a partires do 28 de maio.