Friday 22 de November de 2024

O Concello comeza os traballos para renovar a rede de saneamento na rúa Manuel Deschamps


O servizo municipal de Infraestruturas ten previsto executar a substitución dos antigos colectores de fecais e pluviais, no treito en dirección á rúa Almirante Mourelle

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, comezou xa os traballos para renovar a rede de saneamento na rúa Manuel Deschamps, situada no barrio da Agra do Orzán.

A intervención está focalizada, concretamente, no sector leste de Manuel Deschamps, algo máis adiante do cruzamento coa rúa Fanny Garrido e en dirección á rúa Almirante Mourelle.

Neste treito, e dada a antigüidade e a deterioración acumulada nos colectores existentes,Infraestruturas ten previsto acometer a instalación das novas tubaxes destinadas á recollida de augas fecais e pluviais, substituíndo os colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos, de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

Neste sentido, a previsión do persoal de Infraestruturas é que, unha vez executada a substitución dos colectores, se proceda á renovación do firme no treito afectado polas obras, onde se disporá unha nova capa de formigón. Xa para finalizar a intervención, procederase á recolocación das tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros.

Estímase que esta intervención, que implicou o peche parcial da rúa Manuel Deschamps no treito onde se están levando a cabo os traballos, estará rematada en aproximadamente tres semanas.