Pérez Barral pide concentrar o voto inconformista no BNG para ter un alcalde con impulso, entusiasmo e ideas para abrir un tempo novo en Ribeira
O Bloque Nacionalista Galego fai balance desta semana de campaña na que se están acudindo aos barrios, ás parroquias para achegarlle á veciñanza o seu programa de goberno. A formación nacionalista aposta por seguir traballando na defensa dos intereses de Ribeira liderando o vindeiro goberno municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O candidato á Alcaldía, Luís Pérez Barral, arroupado polo seu equipo asegurou que “hai unha maioría de veciñas e veciños que queren un cambio no municipio e o BNG está en disposición de afrontar o goberno de Ribeira situando a unha persoa moza con impulso, enerxía, optimismo pero tamén coa experiencia necesaria para abrir un tempo novo en Ribeira”.
“Percíbese un cambio e uns poucos votos poden decantar a balanza, por iso facemos un chamamento para que todas as persoas que nas pasadas eleccións galegas optaron polo BNG, situándonos como segunda forza e como alternativa ao PP, volvan facelo este 28 de maio” explicou.
Barral recalcou que o ambiente de campaña é moi positivo e están valorando moi ben o equipo extraordinario de persoas que conforman a candidatura do Bloque. “Estannos dando moitos azos e creo que é o momento de concentrar todo o voto inconformista no BNG, para poder ter un goberno aberto e dialogante, que atenda as prioridades e constrúa esa Ribeira mellor”, concluíu.