Friday 22 de November de 2024

Alternativa seguirá presionando a Xunta e Estado para que aborden os viais planificados no Plan Xeral


Alternativa dos Veciños leva décadas desenvolvendo infraestruturas viarias de ámbito local, atendendo non só á mobilidade en coche, senón creando itinerarios peonís e ciclistas, mellorando a seguridade viaria e reclamando ante outras administracións as obrigas que teñen con Oleiros. Tamén a través do Plan Xeral están planificadas diversas vías novas, que Alternativa dos Veciños reclamará ás administracións competentes a súa creación.

A Artabriña
Un vial que conectará Sta. Cruz, Montrove e O Graxal creando un itinerario alternativo a Che Guevara. Boa parte do tráfico que ven de Santa Cruz e Montrove podería circular por esa gran avenida ata a N6, liberada xa do tapón do Sol y Mar. Tamén fará posible a circunvalación de Santa Cruz, permitindo alixeirar as súas rúas do tráfico de paso e favorecendo a convivencia veciñal.

Vial 11, Nós-AP9
Unha retrasadísima conexión, desde Biona ata o acceso da autopista da Barcala, moi necesaria para utilizar a autoestrada como alternativa á Pasaxe, e para desafogar a Costa da Tapia.

Alfonso Molina – A Pasaxe
Dúas obras importantes para toda a comarca que levan un ritmo desesperadamente lento. Temos que ser insistentes e implacables co goberno de Madrid, sexa da cor que sexa.

Acceso á avenida Che Guevara e Santa Cristina
Un complemento á reforma da Pasaxe será mellorar o acceso á avenida Che Guevara, cun paso soterrado, e a Santa Cristina.

Vía Ártabra-AP 9
Conectar esta vía de alta capacidade coa rede de autoestradas a través de Cambre é unha necesidade imperiosa, paralizada neste momento por erros administrativos da Xunta de Galicia.

Bypass en Arillo
Liberar de tráfico o centro de Dorneda cun novo treito que conectará a zona da igrexa de Dorneda coas proximidades de Breixo.