• No programa incorpóranse propostas como: a creación dun pump track, a execución de cubertas nos parques e as pistas, novos parques infantís, áreas de calistenia…
O Partido Socialista de Miño demostrou no últimos catro anos a súa decidida aposta por fomentar o deporte entre os veciños e veciñas do municipio de todas as idades. Agora, para a seguinte lexislatura, comprométese a continuar con esta liña de acción, aumentando os espazos e as infraestruturas deportivas.
Así, dentro do seu programa electoral incorpora propostas como: a creación dun pump track na Galea, a execución de cubertas en parques e pistas para poder gozar destas instalacións durante todo o ano, a creación de novos parques infantís (Sambollo e Ou Curro), a construción de áreas de calistenia, a instalación dunha nova iluminación para o campo de fútbol municipal ou a compra de equipamento moderno para o ximnasio do Club Náutico.
Doutra banda, o alcalde e candidato socialista á alcaldía,Manuel Vázquez Faraldo, comprométese a realizar unha xestión directa das escolas deportivas municipais, coa contratación dun novo monitor, e a desenvolver unha política de mocidade, que virará ao redor de dous eixos: a creación dun centro xuvenil na praza de Rabazal e o deseño dun programa anual de actividades para os máis novos.