Friday 22 de November de 2024

O concello comeza a desenvolver a campaña anual de desbroce e roza na rede viaria


A adxudicación dos cinco lotes nos que se dividiu o contrato a outras tantas empresas permitirá traballar en varios puntos simultaneamente.

O Concello está a desenvolver as primeiras intervencións de desbroce de cunetas da campaña anual que cada ano se leva a cabo durante a primavera, o verán e o outono para eliminar a vexetación herbácea nas marxes das vías coa fin de mellorar a seguridade viaria ao facilitar o tránsito de viandantes, incrementar a visibilidade para os condutores e, ademais, previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede de estradas municipais.

Estas primeiras actuacións, que se adiantan con respecto a campañas anteriores, estanse a levar a cabo na estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Soandres. A continuación irase intervindo nas trece parroquias, en total en trescentos quilómetros de vías municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

Coa finalidade de axilizar estes labores, o Concello repetiu a fórmula dos anos precedentes dividindo o contrato en cinco lotes e limitando a unha única adxudicación por empresa. Deste xeito favorecerase que as intervencións poidan realizarse de maneira simultánea en varios puntos do termo municipal.
En total o Concello destinará á campaña de desbroce deste ano 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais.