Saturday 16 de November de 2024

Neda incorporará ao cadro de persoal municipal a un técnico de xestión xurídica


O Concello prevé reforzar o cadro de persoal municipal coa incorporación dun técnico ou de unha técnica de xestión xurídica. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe as bases que rexerán a convocatoria, como paso previo á súa convocatoria. Máis alá da asistencia ante outras administracións, baixo a supervisión da Secretaría municipal, e da representación en procesos xudiciais, este posto de funcionario/a interino/a leva aparelladas funcións de asistencia, que contribuirán a axilizar o traballo doutras áreas municipais.

Así, segundo consta na Relación de Postos de Traballo (RPT), entre as funcións previstas para o técnico ou a técnica de xestión estarían, entre outras, a redacción de informes xurídicos; expedientes en materia de urbanismo, actividades, medio ambiente ou responsabilidade patrimonial; a redacción de ordenanzas ou labores de apoio á secretaría municipal.

O perfil que busca a administración local é o dunha persoa con título en Grao en Dereito ou Licenciado en Dereito, “ou titulación universitaria de grao equivalente e, de ser o caso, a titulación e requisitos complementarios que lle habiliten para intervir en procesos xudiciais de calquera xurisdición” en defensa do Concello de Neda.

Esixirase ademais do CELGA 4 ou a acreditación do coñecemento da lingua galega equivalente, ou ben superar a correspondente proba de lingua galega. A selección levarase a cabo polo sistema de concurso-oposición.