— O conselleiro de Educación visita o Colexio Plurilingüe do Camiño Inglés, en Oroso, onde participa no certame anual de entrevistas por parte do seu alumnado
— Pon en valor os proxectos premiados no ‘V Concurso de Podcasts-Radio na biblio’, centrado en homenaxear a Francisco Fernández del Riego co gallo do Día das Letras
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel que exercen as radios escolares dos centros educativos como “espazos para a mellora das competencias lingüísticas e de expresión oral do alumnado”. Expresouno con motivo dunha visita ao Colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés en Oroso, onde participou na sexta edición do certame anual de entrevistas radiofónicas realizada polo alumnado deste centro ao abeiro do Proxecto Schola, unha iniciativa de ámbito internacional para favorecer a integración e a paz a través da educación.
Tras percorrer as dependencias educativas e coñecer de primeira man as distintas actividades que se levan a cabo, Román Rodríguez gabou “o esforzo e dedicación” dos docentes e dos alumnos deste colexio, que no ano 2021 recibiu o segundo Premio Innovagal da Xunta cunha proposta sobre organización de equipos, aprendizaxe por competencias e integración das familias de maneira activa no traballo educativo.
Este centro participa en múltiples iniciativas impulsadas pola consellería, como centro Edulingüe desde 2016, tamén forma parte da rede de centros E-Dixgal, conta con Polo Creativo e desenvolve accións como os Contratos-programa e o Plan Proxecta, entre outros. Así mesmo, no ámbito da biblioteca, este colexio está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e conta con Club de Lectura.
‘V Concurso de Podcasts-Radio na biblio’
O titular de Educación do Goberno autonómico aproveitou para lembrar que, no ámbito das Bibliotecas Escolares, o seu departamento conta cun amplo abano de iniciativas a disposición dos centros educativos como é o caso do programa Radio na Biblio, ao que actualmente están adheridos un total de 168 colexios e institutos. “Precisamente acabamos de fallar os proxectos gañadores do V Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que este ano se centra na figura de Francisco Fernández del Riego. Uns traballos magníficos, exemplo para toda a comunidade educativa, dos que se poderá gozar no portal web da Radio Galega, que colabora coa Consellería neste certame”, explicou.
Nesta edición do concurso, que cada ano se centra no autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, promovéronse os proxectos enfocados a salientar a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución, e da importancia do activismo cultural a partir dos anos 50, época da que foi protagonista, entre outros, o autor homenaxeado.
Os centros participantes debían presentar podcasts en lingua galega, que podían ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico. Recibíronse un total de 92 traballos, procedentes de 54 centros.
A relación de proxectos premiados, segundo as diferentes modalidades, é a seguinte:
Modalidade | Centro | Concello | Provincia | Podcast |
Alumnado de Infantil e 1º/2º Primaria | CEIP Juana de Vega | Oleiros | A Coruña | Entre sopas e versos |
CEIP Nicolás del Río | Cedeira | A Coruña | Cartas que vencen cancelas | |
Alumnado de 3º a 6º Primaria | CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel | Carral | A Coruña | Camiño andado |
CEIP Víctor Sáenz | Mazaricos | A Coruña | Francisco del Riego (entrevista) | |
CPI Manuel Suárez Marquier | O Rosal | Pontevedra | Descubrimos Lourenzá | |
Alumnado de Secundaria | IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez | A Estrada | Pontevedra | Lembranzas galeguistas |
CPI Plurilingüe de Vedra | Vedra | A Coruña | Paco del Riego e o Galician Program | |
Alumnado de Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou FP | CEE Saladino Cortizo | Vigo | Pontevedra | Carta a un amigo |
Os centros premiados recibirán un galardón de 1.000€ cada un para melloras no laboratorio ou emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os traballos galardoados foron emitidos no Día das Letras por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web do Diario Cultural.