Thursday 21 de November de 2024

O proxecto “Terra de vida” ofrecerá en xuño as dúas primeiras actividades para coñecer os espazos verdes arredor do Xubia


O Concello de San Sadurniño presentou durante a pasada Feira da Plantación a iniciativa “Terra de vida”, centrada na divulgación dos espazos verdes do municipio. Trátase dunha nova liña de traballo coa que dar a coñecer e dinamizar os recursos ambientais e agroecolóxicos da zona da Cortiña (arboreto, horta de froiteiras, apiario e fraga máxica) e tamén os xardíns e máis o pazo da Marquesa. Un obxectivo que se concreta na edición e publicación de novo material gráfico sobre os itinerarios e, máis que nada, na programación de percorridos guiados e obradoiros didácticos que se porán en marcha a partir de xuño e que poderán solicitar tanto centros de ensino como familias e outros grupos organizados. As dúas primeiras accións desenvolveranse o 8 e o 9 de xuño e xa teñen aberto o prazo para anotarse.

Os espazos verdes e culturais máis próximos ao centro urbano xa conformaban un percorrido circular de tres quilómetros -a coñecida como “Ruta da Natureza”-, que agora se actualiza en canto ao contido e propoñendo actividades para públicos diversos.

Por unha banda ofreceranse visitas guiadas para persoas adultas, familias e grupos de centros de ensino (alumnado maior de seis anos). O itinerario deseñado, de hora e media de duración, conta con oito paradas nas que se irán explicando tanto a historia como os valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais que se irán vendo a cada paso, empregando unha linguaxe e un xeito de contar adaptado ás características e intereses de cada grupo de visitantes.

Ademais, “Terra de vida” tamén brindará a posibilidade de participar en obradoiros didácticos orientados a público familiar e grupos de escolares -maiores de 6 anos- arredor da educación ambiental e do consumo responsable. Neste caso proponse explorar o espazo cos cinco sentidos, de maneira que as persoas participantes aprendan a valorar a riqueza e a diversidade da zona, parte dela integrada en Rede Natura 2000.

Olga Romasanta, da Cooperativa Rexenerando e unha das encargadas do proxecto, explica que “Terra de vida” é unha iniciativa “de 360 graos que ten que ver co desenvolvemento rural e a posta en valor dos recursos locais”.”Por unha banda está o Pazo da Marquesa como a parte máis histórica, na que hai especies senlleiras. Logo están o arboreto, pioneiro en Galicia, e o paseo fluvial, que tamén potencian a biodiversidade. Despois temos a horta de conservación de froiteiras e o apiario, relacionados coa agroecoloxía. E a maiores están a escultura da deusa Navia e a Fraga Máxica, coa parte máis cultural, de historia e de lendas, na que nós introducimos a perspectiva de xénero”.

O proxecto “Terra de vida” ten xa marcadas no calendario as datas para as dúas primeiras actividades. O venres 9 de xuño ás 18:00h desenvolverase un obradoiro para familias (6€ menores de 14 anos e 9€ maiores desa idade) proposto como unha acción de educación ambiental “para descubrir a través dos cinco sentidos e do xogo toda a diversidade que hai neste recuncho de San Sadurniño”.

Ao día seguinte, o sábado 10 de xuño ás 11:00h, hai organizada unha unha visita guiada para público adulto (12€) percorrendo a Ruta da Natureza, de 3 km. “Iremos parando nos distintos emprazamentos e achegarémonos tanto á historia como aos valores que teñen na actualidade, porque non é o mesmo pasear, que sempre é agradable, que coñecer todo o que hai detrás”, comenta Olga Romasanta.

A data límite para anotarse en calquera destas dúas propostas é o 6 de xuño. Débese enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919. Nese mesmo contacto pódense solicitar novas datas para grupos pechados, como poden ser escolares, asociacións, etc. Os prezos de todas as actividades para grupos e centros de ensino poden consultarse nesta ligazón.

Novo material divulgativo
Para levar a cabo o proxecto “Terra de vida”, o Concello conta co apoio técnico da Cooperativa Rexenerando, que xunta case dez anos de experiencia no deseño e posta en práctica de accións divulgativas no ámbito da historia, a educación para a sostenibilidade e a igualdade de xénero. A cooperativa encargarase durante este ano das visitas e obradoiros programados e, ademais, tamén elaborou novo material informativo sobre os espazos verdes da zona urbana.

A guía interpretativa “explica a historia, o sentido, os valores e as accións que se fan actualmente nos lugares polos que pasa a Ruta da Natureza”, recalca Romasanta engadindo que o folleto contén enlaces a recursos complementarios para ampliar a información “e ser un libriño que acompañe as visitas guiadas ou autónomas que as persoas poidan facer a estes espazos”.

Segundo Romasanta, “Terra de vida” pretende ser un “novo chanzo” na aposta do Concello de San Sadurniño “por un rural vivo e digno, habitado e habitable, consciente da súa historia e os seus recursos, e aliñado coa sostenibilidade ambiental, social e económica”.