Friday 22 de November de 2024

Xa está operativo o carril bici da nova glorieta da Casa do Mar


As novas conexións ciclables melloran a seguridade viaria e dan continuidade coa resto da rede para bicicletas da contorna

O Concello, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar os traballos de asfaltado do carril bici da nova glorieta da Casa do Mar, que conecta a avenida do Exército con Ramón y Cajal. A falta dos últimos remates, como a sinalización ou o novo mobiliario das beirarrúas, esta infraestrutura de nova creación xa pode ser empregada pola cidadanía.

O novo carril bici mellora a seguridade viaria e o tránsito en bicicleta por este punto, polo que pasan un total de 21.000 vehículos ao día. Ademais, este carril pasa a estar conectado co resto da rede ciclable da contorna, creando un itinerario continuo e seguro para as persoas usuarias.

Esta nova glorieta xa está 100% operativa para o tráfico de vehículos e bicicletas. Segundo os datos recollidos pola área de Mobilidade e a xestión da rede semafórica feita desde o Centro Integral da Mobilidade, o cambio de regulación dos semáforos aforra xa 175 horas diarias de agarda ao total de vehículos que utilizan esta intersección.

A glorieta está controlada parcialmente por semáforos para garantir o paso de peóns nos cruzamentos e, en caso de alta densidade de tráfico, para axustar os tempos de parada. O investimento municipal nesta nova infraestrutura foi de 542.000 euros. Creáronse tamén novas zonas verdes coa colocación de nove carballos, 11 pradairos, 12 carpelos e sebes e arbustos. Mellorouse tamén a accesibilidade coa ampliación de beirarrúas, onde se instalará novo mobiliario urbano.