Friday 22 de November de 2024

Sánchez Bugallo presenta o seu programa para as persoas maiores que viven soias


Entre as prioridades do alcalde e candidato á reelección está a ampliación do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, “no que se rematou coas listas de agarda”; a consolidación do SEMUS, o Servizo de Urxencias Sociais, posto en marcha neste mandato; e a apertura do centro de servizos polivalente en San Pedro de Mezonzo, destinado preferentemente a personas maiores.

Tamén lle explicou ás veciñas e veciños o proxecto do “Barrio Verde de Pontepedriña”, que se financiará con fondos Next Generation e que contempla a reurbanización da rúa de Amor Ruibal. Esta actuación daría continuidade á humanización do Restollal, “un proxecto irrenunciable”, segundo sinalou o rexedor.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentoulle as veciñas e veciños de Pontepedriña, o seu programa para xente maior que vive soia. Foi no Centro das Avoas, no que renovou e afianzou o compromiso do seu goberno e da candidatura coas persoas máis vulnerables.

O candidato á reelección lembrou que xa se está a traballar nese apoio ás persoas que viven soias a través do Servizo de Axuda no Fogar. O SAF incrementou un 85% os seus recursos, durante o mandato de Sánchez Bugallo, pasando dun orzamento, en xuño de 2021, de 1.979.666 euros a 3.080.048 euros. O obxectivo deste reforzo foi rematar coas listas de agarda, que no mandato de Compostela Aberta chegaron a ser de 200 persoas. O alcalde amosou o seu compromiso de seguir aumentando os recursos do SAF, precisamente para dar servizo a todas as persoas maiores que o precisen: “Seguiremos cumprindo coa eliminación da lista de agarda e ampliaremos o servizo coa creación dun abono de axuda ás familias con maiores na contratación de persoal que os asista”.

Durante este mandato púxose en marcha o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, para responder ás emerxencias sociais os 365 días do ano, as 24 horas do día. Un servizo que sinalou, vai quedar consolidado nos próximos anos. A soidade, segundo explicou Sánchez Bugallo, “é un problema que se está agravar”, polo envellecemento da poboación, e polas novas formas de vida que derivan nun cambio das estruturas familiares. Precisamente, Pontepedriña e o Ensanche, son dous dos barrios onde se contabiliza un maior porcentaxe de persoas que viven soias.

Por iso, explicou, se xestionou á cesión ao Concello do local da antiga Tesourería da Seguridade Social sita na Rúa San Pedro Mezonzo, para crear un centro de día e atención polivalente co obxecto de “combater a soidade non desexada”, a través da realización de actividades as relacións sociais. O alcalde lembrou o importante que é para as persoas maiores esa interacción social. “Seino moi ben”, sinalou. “Por fortuna, a miña nai aínda vive, é unha alegría para min e para ela poder desfrutar deses momentos que pasamos xuntos”. Tamén está previsto a apertura dun centro de día na Cidade Histórica; e a adhesión ao programa “Xantar na casa”

Outras medidas das que se beneficiaría a xente maior, incluídas no programa de Sánchez Bugallo, é a ampliación do convenio coa Cruz Vermella para financiar novas terminais de teleasistencias domiciliarias, especialmente liñas de móbil para persoas maiores ou con diversidade funcional; e o refozo do benestar do colectivo, actuando en diversos ámbitos: na dotación de parques infantís con elementos de xogo adaptado, con obras de accesibilidade en espazos e edificios públicos; e na accesibilidade universal no transporte público, xa contemplada no novo contrato de transporte que está en licitación.

Proxectos urbanísticos

O alcalde tamén lle explicou ás veciñas e veciños o proxecto do “Barrio Verde de Pontepedriña”, que contempla a reurbanización da rúa de Amor Ruibal, conta xa con fondos europeos para acometer a renaturalización da zona e a creación dun corredor ecolóxico urbano.

O investimento estimado para esta actuación é de 1.785.685,25 euros, sen IVE, financiados, na súa meirande parte, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través dos fondos Next Generation. O ámbito de actuación é a zona da rúa do escultor Camilo Otero, praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado. O obxecto desta reurbanización é incrementar a presenza de vexetación autóctona e a ampliación dos espazos públicos verdes. Ademais, instalarase unha pantalla verde no perímetro noroeste da rúa Pintor Laxeiro, minimizando o impacto visual e acústico das infraestruturas ferroviarias e da área de estacionamento.

Esta actuación daría continuidade á humnaización do Restollal, “un proxecto irrenunciable, segundo explicou o alcalde, cun carríl para cada sentido da circulación, e un carril bici na marxe esquerda que se completaría coa presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual.

O “Barrio verde de Pontepedriña” está integrado no “Proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago. Entre o Sar e o Sarela” que, ademais do “Barrio Verde de Pontepedriña”, contempla outras catro actuacións, con financiación todas elas, entre as que se atopa a recuperación da lagoa de Cornes. Cun orzamento estimado de 225.724 euros, o proxecto contempla a eliminación de residuos e de especies invasoras e a recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñando unha rede de novos sendeiros que conecten os barrios de Conxo, Cornes e Pontepedriña. Tamén aquí se incorporarán pantallas vexetais formadas por especies autóctonas para o illamento acústico e visual da área.

Outras actuacións previstas son a reurbanización da rúa de Vedra e o retranqueo do muro de Adif; o acondicionamento dun espazo de aparcadoiro a carón do CEIP Ramón Cabanillas; e a reurbanización da Praza de León. Está previsto que as obras, que contemplan integración dunha nova zona de xogo, o redeseño do pavimentado, a mellora da accesibilidade e un axardinamento da contorna, comecen este mes.

Outra das propostas para o barrio é a mellora da accesibilidade entre Pontepedriña e Sar, coa construción de dúas novas pasarelas que conectarían o parque Eugenio Granell e Brañas de Sar.