Levouse a cabo unha lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego no Palco da Música
Os xardíns de Méndez Núñez reuniron esta mañá a centos de persoas para conmemorar o Día das Letras Galegas. A alcaldesa, Inés Rey, e outros membros da corporación municipal levaron a cabo unha lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado neste 2023.
Durante a mañá houbo un grande ambiente durante as actuacións das agrupacións folclóricas e culturais da cidade. Actuaron en Méndez Núñez Aturuxo, Donaire e Son D’Aquí. Tras a lectura pública, foi o turno de Cantigas da Terra e o espectáculo polético musical ‘Chulísima’, de Aldaolado, dúo poético formado por María Lado e Lucía Aldao.
Esta tarde continuará a programación desde as 18.00 horas co faladoiro “A Coruña Literaria”, no que participarán Carmela Galego, Jorge Castro e María Xosé Bravo, para a historia, co faladoiro “A Cidade”, coa participación de Felipe Senén e Xosé Alfeirán e coa mestura de poesía e música, cun espectáculo protagonizado pola poeta Lúa Mosquetera e o músico Pablo Seijas. Durante toda a tarde haberá tamén un obradoiro no que os participantes terán a oportunidade de elaborar pulseiras de coiro.
A Banda Municipal, en concerto este xoves 18 no Teatro Colón
Ademais, este xoves 18, a partir das 20.00 horas, a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) protagonizará no Teatro Colón un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, unha actuación na que a agrupación estará acompañada polo coro e grupo instrumental tradicional de Cantigas da Terra e, ademais, como artista convidado, o gaiteiro José Manuel López ‘Josele’.
A programación do concerto, no que se interpretarán pezas de música galega tradicional e tamén das novas vangardas, está distribuída en dúas partes. Na primeira, o público asistente poderá disfrutar coa estrea de dúas obras dos compositores León Durán e Simón Couceiro. Xa na segunda parte da actuación, a BMMC e o coro de Cantigas da Terra achegaranse a interpretacións clásicas do folclore coruñés, así como á figura do gaiteiro Emilio Corral, ao que está previsto homenaxear cun bloque musical específico.
A sesión, que comezará este xoves ás 20.00 horas, será de acceso libre, con entrada de balde ata completar a capacidade.
Programación
Mércores 17. Día das Letras Galegas.
Xardíns de Méndez Núñez
18:00h. Faladoiro: A Coruña Literaria, presentada pola A.C. Alexandre Bóveda.
Participan Carmela Galego, Jorge Castro e Mª Xosé Bravo.
18:00h-21:00h. Obradoiro: Realización de pulseiras de coiro (2 quendas).
19:30h. Faladoiro: A Cidade. Marta Otero e Lois Alcayde conversan con Felipe
Senén e Xosé Alfeirán.
20:30h. Faladoiro: Espectáculo poético musical: Lúa Mosquetera (acompañada de Pablo Seijas).
Xoves 18
Biblioteca Castrillón. 18:00h. Contacontos O Paroleiro, con Pablo Pablísimo (4-8 anos).
Biblioteca Ágora. 18:00h. Contacontos. Romaría, contos e lendas da nosa terra, con
Raquel Queizás. (3-8 anos).
Teatro Colón. 20:00 h: Concerto da Banda Municipal de Música